Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación pecha este sábado o programa “Mouras e meigas no Castelo de Soutomaior”

A Deputación de Pontevedra pecha este sábado, 4 de novembro, o programa “Mouras e meigas no Castelo de Soutomaior” cunha actividade familiar sobre o magosto que ten xa todas as prazas cubertas. Consistirá na realización dunha ruta polo bosque do castelo para recoller castañas e pecharase coa realización dun magosto tradicional.

A actividade, na que está previsto participen 30 persoas, comezará cunha camiñada polo espazo que rodea o Castelo de Soutomaior para recoller castañas. Posteriormente, as familias elaborarán zonchos, os colares de castañas cocidos típicos desta época do ano, e tamén asarán e degustarán castañas ao tempo que vivirán as tradicións típicas do magosto galego. Se o tempo non acompaña, adaptarase a actividade de tal xeito que a ruta será substituída por un obradoiro no interior do recinto, centrado tamén nas castañas.

Co magosto, a Deputación de Pontevedra pecha “Mouras e meigas no Castelo de Soutomaior”, o programa co que espallou ao longo do ano actividades centradas no patrimonio cultural inmaterial da provincia a través dun programa dirixido ás familias con nenos maiores de tres anos. En total déronse cita 360 persoas que se achegaron aos elementos tradicionais e populares da provincia así como aos xogos e oficios artesanais. Mitoloxía popular relacionada coa Coca, o Cobregón, o Lobishome, a Galiña de Ouro, a Santa Compaña, a lavandeira, as mouras, os trasnos, os biosbardos foron algunhas das cuestións nas que se centraron os obradoiros celebrados en Soutomaior. Tamén procesos tradicionais como o de elaboración do pan ou do queixo e tradicións como os maios, as herbas de San Xoán, a vendima, o Samaín ou o magosto foron protagonistas da actividade.