Luns, 26 Maio de 2025

A Deputación pecha a Liña 3 do Plan Concellos 2021 coa creación de 900 postos de emprego

56 concellos da provincia acolléronse á esta liña de financiación da Deputación que supón un investimento de 9,2 millóns de euros

A Deputación de Pontevedra completou a adxudicación da Liña 3 do Plan Concellos 2021 que se traduce na creación de case 900 postos de emprego nos municipios da provincia. Cun investimento de 9,2 millóns de euros un total de 56 concellos poderán financiar a contratación de 876 persoas para traballar en postos municipais nun momento de crise no que a xeración de emprego cobra especial relevancia, tal e como sinalou a presidenta provincial Carmela Silva.

A presidenta da Deputación mostrou a súa satisfacción “porque ademais estes empregos son fundamentais para garantir a prestación de servizos á veciñanza da provincia”, dado que gran parte dos contratos que se van crear teñen que ver “co procedemento administrativo, a atención ao sector de turismo, a política social ou o mantemento de beirarrúas, parques e xardíns”.

A liña 3 de Emprego completouse ao ser aprobada a última achega para Dozón de 36.000 euros. Con ela, este concello da comarca do Deza levará a cabo a contratación de cinco persoas: un operario ou operaria condutora e catro peóns ou peoas.