8.7 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación ofrece visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior

    A Deputación ofrece visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior

    Están xa dispoñibles as entradas en www.castelodesoutomaior.com para asistir ás visitas caracterizadas, que comezan este domingo, e teatralizadas, que arrancan o 5 de xuño

    Máis de 1.000 persoas poderán gozar este verán das visitas caracterizadas e teatralizadas ao Castelo de Soutomaior, así o explicou a presidenta Carmela Silva na presentación destas actividades que arrancan este domingo, 30 de maio, e estenderanse ata setembro. Trátanse de actividades dirixidas ao público adulto, no caso das visitas caracterizadas, e ao familiar, no caso das teatralizadas, que ofrecen un xeito diferente de coñecer o castelo. A presidenta, que recordou que xa están dispoñibles as entradas en www.castelodesoutomaior.com, asegurou que “damos xa o pistoletazo de saída e estas iniciativas que tiveron tanto éxito nas anteriores edicións e van encamiñadas ao turismo familiar, a valorizar o Castelo de Soutomaior e a impulsar  experiencias nunha contorna inigualable”.

    As visitas caracterizadas, a cargo de Aguias e dirixidas ao público adulto, comezan este domingo, 30 de maio, e estenderanse ata o 25 de agosto. No percorrido, de 60 minutos de duración, as persoas que se acheguen ao castelo camiñarán polo seu parque botánico e o xardín de excelencia internacional, así como coñecerán as árbores senlleiras, o xardín francés, as sequoias ou os viñedos da man de tres mulleres caracterizadas como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria, quen explicarán as súas vivencias, anécdotas e algún que outro segredo. As visitas terán lugar o 30 de maio; os días 6,13, 20 e 27 de xuño; o 8, 14, 21 e 28 de xullo e o 4, 11, 18 e 25 de agosto en dous pases diarios ás 11 e 13 horas.

    No caso das visitas teatralizadas, a cargo de Troula e dirixidas ao público familiar, comezan o sábado 5 de xuño, e estenderanse ata o 6 de setembro. No percorrido, de 60 minutos de duración,  as familias coñecerán a historia do castelo a través da peza “Irma e Diña” na que aparecerán personaxes tan coñecidas como Pedro Madruga, Paio Gomes  e as labregas Irma e Diña, que poñen nome á representación e presentarán a dobre visión da historia dende o punto de vista da nobreza e das/dos labregas/os. Trátase dunha actividade participativa, educativa, dinámica e divertida, na que se coñecerá a historia e peripecias de Pedro Madruga. O seu leal acompañante, Paio Gomes, será o encargado de poñer música ás andainas e aventuras de Madruga, así como tamén ás historias doutras figuras fundamentais no Castelo como María Vinyals. Xunto a Pedro Madruga e Paio Gomes compartirán protagonismo as labregas Irma e Diña, que contarán a historia do pobo, as costumes e formas de vida das galegas do século XV, poñendo o aceno no importante papel desenvolvido polas mulleres labregas na historia. As visitas caracterizadas terán lugar en xuño os días 5, 12, 19 e 26 en dous pases diarios ás 16.30 e 18.00 horas. En xullo, agosto e setembro haberá catro pases ás 11.00, 13.00, 17.00 e 18.30 horas os días 5, 12, 19 e 26 de xullo; o 2, 9, 23 e 30 de agosto e o 6 de setembro.

    O prezo para participar en cada una das actividades é de 8 € por persoa  e poden adquirise desde hoxe mesmo en www.castelodesoutomaior.com. Ofertaranse 15 prazas por cada pase de tal xeito que haberá dispoñibles 660 prazas para participar nas visitas teatralizadas e 390 para as caracterizadas.

    A Deputación de Pontevedra iniciou o programa de visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior en 2016 e, dende aquela, participaron xa preto de 2.500 persoas na actividade. No caso das caracterizadas, a institución provincial organizou as primeiras no 2019 centradas na temática da “Camelia e moda”, nas que se deron cita máis de 150 persoas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.