11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza a programación do 25N baixo o lema "Por ser...

    A Deputación lanza a programación do 25N baixo o lema “Por ser mulleres”

    “Farta” e emocionada ao recordar ás mulleres salvaxemente violadas como a moza de Igualada ou a de Navarra, lembrando ás mulleres asasinadas polo machismo como Mª Isabel, Flora, MªCruz e a súa filla ou Mª Pilar, e acompañada de alcaldesas, concelleiras e mulleres implicadas na igualdade que promove a Deputación, a presidenta Carmela Silva deu a coñecer nas Ruínas de San Domingos a ampla programación que lanza a institución con motivo do 25N e que este ano leva por lema “Por ser mulleres”. “Estamos aquí , unidas, –reivindicou a presidenta-, de pé, no centro, denunciando, para que saiban os fascistas, os que negan o sufrimento das violencias das mulleres, que somos fortes, estamos convencidas, sabemos polo que loitamos e ninguén nos vai parar”.

    Carmela Silva, quen a primeira hora da mañá despregaba na balconada do Pazo, xunto ao goberno provincial, a pancarta “Por ser mulleres. Reivindicando a nosa axenda” que locen xa as sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, recordou que “somos herdeiras doutras moitas mulleres que crearon o camiño que agora percorremos e estamos dispostas á loita porque estamos fartas de que isto aconteza por ser mulleres”. Neste eido, a presidenta reivindicou con forza e urxencia “unha axenda feminista do Estado, das Comunidades Autónomas, que estea xa no centro da axenda política. Non podemos nin debemos agardar máis”. Carmela Silva tamén subliñou “o compromiso total e absoluto da Deputación coa igualdade, o centro de toda a nosa acción” e destacou que aínda que ao longo dos 365 días do ano está en marcha un amplo programa de iniciativas neste ámbito, “aproveitamos o 25N para que o noso berro soe aínda máis alto”.  

    A programación

    O xoves día 25 terán lugar as dúas primeiras accións  en Pontevedra e en Vigo da sétima edición do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”, que levará neste 2021/2022 o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. O programa, que vén de dar esta mañá o pistoletazo de saída coa actuación  musical de Xoana “Dardos en feminino”, arrancará o xoves na praza da Peregrina ás 12.00 da mañá coa performance “Asta en cueva” de Alba Soto. Xa pola tarde, ás 18.30, a peza “VER/Cada/Bágoa” de Mercé de Rande chegará ao Museo Marco de Vigo. Serán en total 25 accións (6 performances, 5 accións musicais, 5 escénicas, 4 murais, 3 de danza urbana e 2 accións poéticas) en 25 concellos con artistas “moi potentes” cuxas voces puidéronse escoitar esta mañá nas Ruínas de San Domingos a través da montaxe sonora “Voz colectiva”.

    Amais do inicio da VII edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, a programación da Deputación do 25N arrancou xa a comezos de mes co “Manifesto de Soutomaior”, ao que seguiu o workshop da Cátedra de Feminismos 4.0 “Hackeando o patriarcado”, que tivo lugar onte para reivindicar a intelixencia artificial feminina fronte aos  algoritmos machistas.  Tamén forman parte da programación iniciativas como o alumeado en morado das sedes institucionais de Pontevedra e Vigo entre o 24 e o 28 de novembro, e a lectura, a cargo de Silvia Pérez, investigadora da Universidade de Vigo, da declaración institucional no pleno do día 26. Ese mesmo día e ata o 29 de novembro na feira Culturgal a Deputación dará a coñecer toda a programación no eido da igualdade.

    O 29 de novembro inaugurarase na sede de Vigo a mostra “Espazos Roubados”, de Isabel Blanco, o día 30 comezará o módulo en igualdade na Escola de Enfermería e a comezos de decembro presentarase a nova campaña do xoguete igualitario, non sexista e non violento. Por outra banda, ata o 9 de decembro continuarán os debates teóricos online sobre a axenda política feminista coordinados por Rosa Cobo, e ata o día 15 os obradoiros de formación nos institutos, “Canteira de Igualdade”. Amais, os días 11 e 18 de decembro terá lugar no Museo MARCO de Vigo o novo ciclo “Cinema mulleres”, en colaboración co Consulado Xeral de Arxentina, e na sede provincial viguesa poderá visitarse ata o 31 de decembro a mostra “Muller por muller”, comisariada por Rosario Sarmiento.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.