A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa Deporte-Escolas, que desenvolve en colaboración coas federacións deportivas, para promover o desenvolvemento da practica da actividade física entre as crianzas en idade escolar que residen na provincia. Deste xeito, trala publicación das bases desta iniciativa no Boletín Oficial da Provincia, desde o pasado martes 21 de setembro xa está aberto o prazo de inscrición, que deberá realizarse preferentemente a través da sede electrónica da Deputación.
As Deporte-Escolas, ás que este ano a Deputación dedica un orzamento de máis de 330.000 euros, abranguen nove modalidades: atletismo, baloncesto, balonmán, judo, loita, patinaxe, piragüismo, rugby e taekwondo. As escolas comezarán o 13 de outubro e finalizarán en maio, excepto a de piragüismo, que polas súas características técnicas terá un período lectivo diferente, comezando no mes de marzo e finalizando no mes de setembro. As disciplinas dispoñibles por concello para cada tramo de idade, así como os horarios, están publicados xa na web da Deputación.
O programa Deporte-Escolas permite que centos de nenas e nenos se poidan iniciar en diferentes modalidades deportivas de xeito totalmente gratuíto ao longo de toda a provincia, en colaboración e coordinación coas diferentes federacións e clubs deportivos para contribuír ó desenvolvemento e fomento da actividade deportiva en idade escolar. Trala publicación no Boppo, ábrese o primeiro dos dous prazos para a presentación de solicitudes, de 10 días hábiles, e unha vez finalizado poderanse consultar as listas de persoas inscritas na páxina web. A selección das prazas levarase a cabo por orde de rexistro de entrada. Haberá un segundo prazo de presentación de solicitudes dun mes a partir do 1 de novembro, co obxectivo de ocupar as prazas que quedaron baleiras.