Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación impulsa o deporte federado con axudas para clubes en competicións nacionais

Carmela Silva: “Pontevedra é a gran referencia do deporte en Galicia e axudamos a todas as disciplinas apostando pola igualdade e a inclusión”

“A provincia de Pontevedra é a gran referencia do deporte en Galicia e desde a Deputación queremos consolidar esta posición axudando a todas as disciplinas deportivas”. Este é o obxectivo que perseguen as subvencións para clubs deportivos que participan en competicións federadas nacionais, cuxas bases foron xa aprobadas na Xunta de Goberno. A institución provincial destinará este ano un total de 800.000 euros a entidades dunha ducia de modalidades e faino apostando pola igualdade e a inclusión. As bases se publicarán no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) nos próximos días e, como ven sendo habitual nos últimos anos, puntuarán de xeito especial a clubs que fomenten o deporte feminino e o deporte adaptado, “revalidando a nosa aposta pola igualdade e a inclusión”.

“Son unhas achegas moi importantes. Falamos de 800.00 euros”, precisou a presidenta provincial, en relación a uns fondos se reparten por distintas modalidades. Destínanse 24.000 euros a atletismo, 215.000 a balonmán, 140.000 euros a fútbol, 30.000 euros a tenis de mesa, 16.000 euros a judo, 140.000 euros a equipos de baloncesto, 70.000 euros a clubs de ciclismo, 40.000 a fútbol sala, 15.000 a equipos de voleibol e resérvase unha partida de 110.000 euros para outras modalidades.

Carmela Silva destacou que “o ano pasado foron un total de 90 os clubs federados que compiten a nivel nacional os beneficiados destas axudas” de 24 concellos da provincia. As subvencións concédense en réxime de concorrencia competitiva e téñense en conta outros criterios como os orzamentos ou número de licencias. Os fondos permitirán ás entidades sufragar gastos federativos, de competición (como desprazamentos), de persoal, material deportivo (vestimenta, equipamentos…) e atención sanitaria para as persoas que compiten.