14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación entrega os premios 'Sofía Novoa' que amosan a calidade da...

    A Deputación entrega os premios ‘Sofía Novoa’ que amosan a calidade da investigación feminina con propostas para rachar roles de xénero

    Carmela Silva: “É unha alegría ver que as mulleres novas recollen a bandeira do feminismo con grandes traballos de análise e investigación que axudan a camiñar cara unha sociedade plena”

    A entrega dos Premios Sofía Novoa convocados por quinto ano pola Deputación de Pontevedra volveu visibilizar a gran labor investigadora con perspectiva de xénero que se está a facer na Universidade de Vigo e converteuse un ano máis nunha festa de visibilización do talento e traballo das mulleres no ámbito académico. A sede viguesa da institución provincial acolleu onteá a cerimonia, desta vez en formato reducido para garantir a seguridade sanitaria fronte á Covid-19, na que se distinguiron os traballos fin de grao (TFG) e fin de máster (TFM) galardoados por contribuír a estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

    As catro gañadoras, Judit Cerviño Malvido, María Tenorio Solla e Patricia Torres Ferradás, na modalidade de TFG; e Andrea López Pastoriza, na de TFM, interviron desde os seus domicilios no evento presidido pola máxima responsable da Deputación, Carmela Silva, que presentou a profesora universitaria e membro do xurado Silvia Pérez Freire e estivo amenizado en directo pola pianista Estefanía Cereijo. Na entrega de premios participaron tamén as titoras das premiadas, as súas familias e Fernando Novoa, sobriño da musicóloga e pedagoga que da nome aos premios.

    “É unha alegría ver que as mulleres novas recollen a bandeira do feminismo cun traballo de coñecemento, análise e investigación”, resaltou a presidenta da Deputación, para salientar a calidade académica e o talento feminino en todos os ámbitos na provincia. “Estes traballos servirán para que moita xente poida velos, aprender e compartir. Axudan a avanzar cara unha sociedade plena, que é precisamente o que persigue o feminismo”, explicou Carmela Silva, quen felicitou ás premiadas, ás súas titoras e a Estefanía Cereijo polas súas interpretacións na cerimonia.

    Ademais, a presidenta da Deputación reivindicou a figura de Sofía Novoa Ortiz, “unha muller extraordinaria, culta e comprometida co tempo e o espazo que lle tocou vivir, que foi silenciada, e por iso estes premios levan o seu nome e estamos aquí para visibilizala a ela e a tantas e tantas mulleres inxustamente esquecidas ao longo da historia”, resaltou.

    Pola súa banda, Silvia Pérez Freire sinalou que “premios como os Sofía Novoa son moi necesarios para naturalizar a perspectiva de xénero e posicionar ás mulleres no lugar que merecemos”. A profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación considera prioritario “discernir os estereotipos e todo o que interfire gravemente para ter un trato igualitario”. Freire celebrou o traballo da Deputación en materia de igualdade e tamén reflexionou sobre o movemento #MeToo, que centra un dos traballos gañadores. “Colocou na discusión pública o recoñecemento dos actos de violencia e posibilitou que persoas exitosas con comportamentos repudiables poidan ser acusadas e paguen un prezo“, indicou.

    Educación e comunicación

    A educación con perspectiva de xénero nos niveis de infantil, primaria e secundaria, e a análise xornalística do movemento feminista #MeToo foron os protagonistas desta edición, ao que concorreron 20 traballos. O Morrazo ten un protagonismo especial este ano no certame, pois todas as galardoadas son veciñas desta comarca, ao igual que a pianista, natural de Bueu. A presentadora, Silvia Pérez Freire, reside en Cangas, concello no que vive Mari Lires, titora dun dos traballos. Nesta vila, precisamente, repousan as cinzas de Sofía Novoa nun panteón familiar por desexo expreso da musicóloga.

    Judit Cerviño (Bueu), graduada en Educación Infantil pola Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra, gañou un dos premios de 1.000 euros do apartado de TFG coa investigación “Traballar con perspectiva de xénero e publicidade en Educación Infantil”, dirixida pola profesora Azucena Arias. O traballo deseña propostas didácticas dirixidas a que mestras e mestres poidan axudar ao alumnado a recoñecer estereotipos. As súas propostas leváronse á práctica nunha aula e permitiron constatar que o alumnado xa ten asumido estereotipos sexistas a temperá idade a través da exposición á publicidade. “Existe un contacto continuo desde moi pequenos. A igualdade debe ensinarse desde estas idades para evitar problemas posteriores de maltrato psicolóxico, físico e outras violencias”, explicou a gañadora na súa intervención.

    O impacto do #MeToo

    O traballo de María Tenorio (Bueu), graduada en Comunicación Audiovisual, tamén recibiu un premio de 1.000 euros. “Miradas cruzadas: unha visión comparada sobre o tratamento informativo da cuarta ola feminista trala irrupción do movemento #MeToo en España e Brasil: El País e Folha de Sao Paulo (2017-2018)”, dirixido polo profesor Alberto Pena, analiza o impacto que tivo nos medios o #MeToo (outubro 2017) e o cambio que implicou. “O #MeToo serviu de altofalante mediático primeiro polas estrelas do cinema estadounidense e despois ampliándose a todos os eslabóns da sociedade. Abriu unha porta a compartir e concienciar á sociedade da necesidade dunha igualdade real”, reflexionou durante a cerimonia a gañadora, que cualificou de “iniciativa marabillosa” os Premios Sofía Novoa.

    A importancia do traballo das mulleres

    O accésit de 600 euros foi para Patricia Torres (Bueu), graduada en Educación Primaria, polo TFG “As saídas didácticas na Educación Primaria para o ensino das ciencias con enfoque coeducativo”, titorizada por María Álvarez Lires). O traballo, dirixido pola profesora Mari Lires, está vinculado ás mulleres do mar e particularmente da industria conserveira, cunha intervención didáctica para que as nenas e nenos tomen conciencia da importancia do seu papel. “O alumnado sentiuse implicado ao coñecer as testemuñas de mulleres que traballaron na conserveira de Massó, mulleres que forman parte de tantas familias, e percibimos que as rapazas e rapaces valoraron a súa importancia tanto no ámbito familiar como social”, comentou Patricia Torres.

    O papel das orientadoras e orientadores educativos

    Na modalidade de Traballos Fin de Máster o premio de 1.000 euros foi para Andrea López Pastoriza, veciña de Moaña e Educadora Social e Máster en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social. O traballo, dirixido pola profesora Fátima Braña, céntrase nos “Trazos de xénero na configuración da identidade e orientación do alumnado na Educación Secundaria Obrigatoria”. “Quería seguir a miña investigación sobre os motivos de que existan estudos masculinizados e feminizados. As orientadoras e orientadores son un nexo entre familia, alumnado e profesorado, e constatei que teñen unha preocupación e unha loita moi importante pola formación con perspectivas de igualdade e liberdade”, expuso Andrea López, que repite como premiada, pois xa gañou un “Sofía Novoa” en 2018 por un TFM para o seu máster en Menores en situación de desprotección e conflito social.

    Talento musical

    Estefanía Cereijo puxo a nota musical a esta festa da investigación con perspectiva de xénero. A pianista abriu a cerimonia coa peza “Consolation No. 3” de Franz Liszt e no transcurso do acto interpretou tamén “Gnossienne No. 1: Lent” de Erik Satie, para pechar con “The Piano”, banda sonora de Michael Nyman para o filme do mesmo título. Unha vez máis, a Deputación segue a visibilizar o talento das mulleres artistas ao incluír actuacións nos seus eventos. “A cultura, como a igualdade, non pode ser confinada, e na provincia temos un extraordinario talento no eido da música. Animo a todas as administracións públicas a organizar actividade cultural, porque a cultura non pode parar”, destacou Carmela Silva. O acto contou con dúas intérpretes en lingua de signos.

    Nas cinco edicións dos Sofía Novoa presentáronse 101 traballos que acadaron 25 premios en ámbalas dúas modalidades (Fin de Grao e Fin de Máster). As investigacións con perspectiva de xénero premiadas versaron sobre o fomento da igualdade na educación infantil, primaria e secundaria; tradución e xénero; audiovisuais; linguaxe sexista; tratamento informativo da cuarta ola feminista; coeducación; perspectiva de xénero na aula de inglés; ciencia e xénero; e estereotipos entre outras temáticas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.