12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación dotará ao CAAN dun completo equipo de radiodiagnóstico veterinario

    A Deputación dotará ao CAAN dun completo equipo de radiodiagnóstico veterinario

    A institución provincial investirá preto de 30.000 euros neste moderno sistema de radioloxía e de dixitalización indirecta da imaxe radiolóxica que suporá unha mellora no benestar dos animais, coa axilización do diagnóstico das súas posibles lesións

    A Deputación de Pontevedra segue a modernizar o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) e iniciou o proceso para dotar dun completo equipo de radiodiagnóstico veterinario ás instalacións da Armenteira. Esta dotación suporá unha importante mellora no benestar dos animais, coa axilización do diagnóstico das súas posibles lesións a través dun método complementario de gran valor clínico, xa que ata agora as radiografías que se precisaba practicar aos cans e cadelas tiñan que ser realizadas a través dun servizo externo.

    Deste xeito, a Deputación vai investir un orzamento de 29.000 euros na contratación do subministro, instalación e rexistro dun equipo de radioloxía de uso veterinario de, como mínimo, 20kw, e dun equipo completo de dixitalización indirecta da imaxe radiolóxica.

    A radioloxía é unha das técnicas diagnósticas non invasivas que maior información aporta na clínica veterinaria, de xeito que resulta imprescindible para a valoración de estruturas óseas e aporta información de gran relevancia noutras estruturas brandas dos animais. Ata o momento, a valoración de posibles fracturas de animais ingresados no CAAN supoñía o traslado destes a un centro veterinario, o que implicaba tanto un custe económico como un retraso na obtención dun diagnóstico e no inicio dun tratamento, tanto no momento da valoración inicial como para as correspondentes revisións. De aí a necesidade de que o CAAN conte co seu propio equipo de radioloxía para garantir dese xeito o benestar animal, coa realización das probas diagnósticas necesarias desde o primeiro momento.

    Hai que lembrar que nas importantes obras de mellora que realizou o pasado ano a institución provincial nas instalacións do CAAN incluíse a reforma da sala de clínica, coa creación dun novo quirófano e unha sala de raios X que é a que agora se vai completar cos novos equipos, cuxa contratación se prevé que estea lista a principios de abril.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.