Sábado, 10 Maio de 2025

A Deputación destina 80.000 euros para axudar ás escolas de música da provincia

A Xunta de Goberno ven de aprobar as bases que rexerán a nova convocatoria da que o pasado ano beneficiáronse 20 escolas de quince concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ás bases que rexerán a concesión de subvencións a escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro para este ano 2021. A institución provincial destina un orzamento total para estas achegas de 80.000 euros, e están dirixidas a subvencionar os gastos correntes e de persoal das escolas de música dependentes de asociación e fundacións radicadas na provincia que teñan entre os seus obxectivos a formación musical.

A presidenta provincial Carmela Silva destacou estas axudas como unha aposta pola cultura: “Apostamos pola formación musical, que é un dereito e nós queremos democratizala para que chegue a todos os nenos/as e mozos/as da provincia”.

A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva e entre os criterios obxectivos de reparto que se terán en conta figuran o número de alumnos/as matriculados; número de docentes; o orzamento de gastos da escola de música e as especialidades impartidas. As entidades deberán presentar as súas solicitudes a través dun formulario da sede electrónica da Deputación e poderán facelo desde o día seguinte ao da publicación das bases no BOPPO, con data límite do 30 de setembro.

No ano 2020 estas axudas foron concedidas a 20 escolas de 15 concellos da provincia.