Martes, 1 Xullo de 2025

A Deputación de Pontevedra segue a promover a igualdade con axudas aos concellos

Os concellos de menos de 20.000 habitantes contarán cun investimento de 230.000 euros para promover proxectos e actividades que fomenten a igualdade de oportunidades e a prevención da violencia machista

Continuando co seu apoio á loita pola igualdade, o goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde a unha nova convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes “para fomentar da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia machista neste 2021”. As bases aprobadas pola Xunta de Goberno contan cun orzamento de 230.000 euros, cos que se segue a promover que “os concellos poidan traballar para impulsar actuacións en igualdade e loita contra as violencias machistas que sofren as mulleres”, destacou a presidenta, Carmela Silva, “actuacións que se enmarcan nun eixo prioritario da acción do goberno provincial”.

Tal e como indicou, con estas axudas os concellos poderán desenvolver proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, proxectos e iniciativas das mesas locais de coordinación contra esta violencia así como programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Ademais, poderán levar a cabo proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de machista, ás súas fillas e fillos e ás persoas dependentes ao seu cargo ou proxectos que buscan a promoción dos plans de igualdade nos concellos. Do mesmo xeito, estas axudas provinciais poderán empregarse en accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade.