A Deputación de Pontevedra vén de coñecer que a entidade acreditadora AENOR outorga o prestixioso Certificado de Xestión Ambiental ao Pazo provincial da institución provincial. Este recoñecemento, “un espaldarazo-segundo destacou a presidenta Carmela Silva- a todo o traballo desenvolvido no marco da nosa aposta polo medio ambiente e por dar cumprimento á Axenda 2030”, sitúa á institución provincial como a primeira das deputacións de Galicia en conseguilo e unha das poucas do Estado. “Estamos moi orgullosas e orgullos porque volvemos a ser unha referencia e ponse en valor todo o esforzo realizado para converter á transición ecolóxica nun obxectivo transversal da acción do goberno” asegurou Silva.


A través do Certificado de Xestión Ambiental de AENOR, que recoñece a adecuación do sistema de xestión ambiental do Pazo provincial ás directrices da norma ISO 14001:2015, acredítase o “noso compromiso co medio ambiente, minimizando os impactos e favorecendo a mellor xestión dos recursos”. A presidenta provincial tamén destacou o carácter “diferenciador competitivo” do distintivo, ao ser a única institución provincial galega en conseguilo e unha das poucas do Estado, que amais “danos credibilidade e confianza de cara ao exterior e implica que temos un compromiso de mellora continua en canto ás prácticas medioambientais”.
Para alcanzar a acreditación medioambiental de AENOR, tal e como informou Carmela Silva, púxose en marcha un sistema de xestión ambiental no Pazo provincial da Deputación centrado en dar cumprimento aos requisitos legais en xestión ambiental; sensibilizar e formar ás persoas, “motivándoas para que se sumen a este desafío imparable”; protexer ao medio ambiente, “minimizando o impacto dos nosos servizos a través dun uso sostible dos recursos, redución das emisións atmosféricas, mediante a segregación en orixe dos residuos xerados e comprometéndose coa prevención da contaminación”; e en seguir os obxectivos e accións de mellora continua. De feito, a presidenta provincial aproveitou a ocasión para agradecer a implicación dos servizos provinciais e “o compromiso e traballo diario do persoal da Deputación, sen o cal non sería posible ter este certificado”.