19.3 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación crea a 'Facultade Ágora' para consolidar á provincia como referencia...

    A Deputación crea a ‘Facultade Ágora’ para consolidar á provincia como referencia internacional do espazo público

    Trátase dunha iniciativa de formación dirixida a persoal político e técnico que contará no profesorado cos “Premios Nobel nesta área”

    Internacional, potentísima, espectacular, ambiciosa… Eses foron os calificativos cos que hoxe se definiu a ‘Facultade Ágora’, unha iniciativa creada polo Departamento de Mobilidade da Deputación para formar a representantes políticos e persoal técnico dos concellos da provincia sobre a recuperación do espazo público para as persoas.

    A ‘Facultade Ágora’ foi presentada a representantes dos concellos da provincia, consultoras e profesionais libres relacionados coa arquitectura e a enxeñería nunha reunión telemática na que participaron máis dun cento de persoas pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, e os responsables de contidos do proxecto, Ana Montalbán e Fernando Nebot.

    O deputado Uxío Benítez destacou que a ‘Facultade’ pretende dotar de coñecemento e información ás persoas que toman decisións nos concellos para influír e animar a realizar actuacións nas rúas, prazas e lugares de vilas e cidades que poñan ás persoas no centro de todos os proxectos de reforma urbana. Subliñou que se abordará o espazo público dende diferentes enfoques e disciplinas, habendo entre os relatores e relatoras xente da enxeñería, a arquitectura, a socioloxía, a pedagoxía, a mediciña, a fotografía, o deporte, a xeografía, a bioloxía, paisaxe e medio ambiente, entre outros ámbitos.

    “O profesorado ten nivel internacional e é de moita relevancia. Imos facer unha iniciativa que non a hai en ningunha parte do mundo. Creo que imos consolidar a Pontevedra e Pontevedra provincia como un referencia internacional do espazo público e da formación en espazo público, dende unha visión complexa por como é o noso territorio, disperso e rururbano”, subliñou.

    A secretaria técnica da Facultade, Ana Montalbán, destacou pola súa banda que “o coñecemento é a base da acción” e subliñou que o obxectivo é que a ‘Facultade’ teña unha gran capacidade transformadora na realidade da provincia. Subliñou que o curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro, repartido en 4 módulos e 12 seminarios; a matrícula comezará o 8 de marzo e pecharase o 8 de abril; estará dirixido fundamentalmente a persoas da política, o ámbito técnico, policía, pedagoxía, paisaxe ou medio ambiente, entre outros ámbitos, coa prioridade para o persoal dos Concellos Ágora, para o que será gratuíto.

    A estrututura de cada sesión (bisemanal os venres) será dunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas para contrastar a teoría coa visión local, e unha terceira parte de debate entre profesorado e alumnado.

    Algunhas das persoas xa confirmadas para o profesorado son Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’; María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’, entre outros, nun elenco que se pechará nas dúas próximas semanas.

    O vicepresidente Mosquera quixo incidir na importancia das persoas relatoras que participarán na ‘Facultade’, ás que definiu como persoas de traxectoria espectacular nas que o goberno de Pontevedra se inspirou para levar adiante o seu modelo. “Non hai premios Nobel nesta área, pero como mínimo todas as persoas relatoras estarían nominadas”, subliñou. Engadiu, así mesmo, que o fundamental da ‘Facultade’ é que tanto políticos e políticas como persoal técnico teña claro o principio de que as persoas deben ser o centro das actuacións. “Hai que ter as ideas claras e logo xa encaixan as solucións técnicas”, abondou.

    Na súa intervención Carmela Silva quixo agradecer ás persoas coordinadoras da Facultade Ágora “o seu coñecemento, o seu compromiso e a súa capacidade para atraer cara un novo modelo de espazo público ás cidades e vilas”. En palabras da presidenta provincial “temos que namorar a toda a provincia para conseguir este cambio, porque cando amas algo estás disposta ou disposto a transformalo”. Silva amosou a súa felicidade porque este sexa un proxecto paritario posto que “as mulleres temos moito que aportar no espazo público e falando de mobilidade amable, sustentable e alternativa temos moito que dicir”. Para a presidenta provincial “herdamos o modelo de expulsión do espazo público e nós, as mulleres, que somos as que coidamos ás nenas e nenos, persoas maiores e dependentes temos unha plena consciencia de que no espazo público no que vivimos todos os dereitos son dos vehículos, coa problemática que isto supón”.

    O profesor e asesor de contidos Fernando Nebot subliñou que a Rede Ágora de concellos pola recuperación do espazo público parte dunha idea na que se insistirá na ‘Facultade’ : que a intervención nas cidades e vilas debe ser integral e que a finalización da obra non é o final da actuación. Asegurou que son fundamentais tanto a concepción do territorio, a vontade política de levar adiante modelos amigables do espazo público, o deseño dos proxectos e a súa realización, pero sempre co paso final do uso por parte da cidadanía: “cando a xente fai súa unha actuación, unha obra, e a interioriza na súa vida é cando se acada o obxectivo… Ese tamén é o obxectivo de Ágora, que o espazo público sexa para a cidadanía”, remarcou.

    Subvencións de 2,4 millóns de euros

    Ademais da presentación oficial da ‘Facultade Ágora’, na xornada de hoxe tamén se efectivizou outra das iniciativas do proxecto ‘Ágora’ da Deputación: a publicación das bases de subvencións para os concellos da provincia que teñen unha contía de 2.435.o00 euros destinados a financiar proxectos e obras coas que gañar espazos peonís restándollos aos espazos que ocupan os coches.

    As liñas de axudas estarán divididas en dous eixos: o primeiro estrá destinado á redacción de proxectos, polo que os concellos poderán recibir ata o 90% do custe cun máximo de 50.000 euros; e o segundo eixo, destinado a obras, con ata o 20% do custe das actuacións e un máximo de 100.000 euros. “Hai expectativas de fondos europeos e é preciso que os concellos teñan proxectos que executar para mellorar as súas vilas, por iso priorizamos os proxectos”, explicou Benítez.

    As ‘Axudas Ágora’ concederanse a actuacións completas, obrigando a un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente, debendo ter s espazos gañados para as persoas unha superficie mínima de 300 metros cadrados.

    Para valorar a contía das subvencións terase en conta a dispoñibilidade dun Plan de Mobilidade Sostible no concello, os metros cadrados de espazo peonil gañados, a porcentaxe de incremento do espazo peonil, a poboación, a xustificación do proxecto en base ós Principios Ágora, e a calidade técnica, entre outros. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 12 de abril.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.