Domingo, 4 Maio de 2025

A Deputación convoca os VI Premios Provinciais á Xuventude e o III Concurso Reacción polo Clima

Este martes a institución abre o prazo para a presentación de traballos en ambos certames

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a nova convocatoria dos Premios Provinciais á Xuventude e o Concurso Reacción polo Clima, que buscan estimular e promover o talento da mocidade da provincia no ámbito sociocultural e amosar as súas reivindicacións no eido da loita contra o cambio climático respectivamente. Deste xeito, a partir de mañá martes 15  de marzo e ata o 15 de maio estará aberto o prazo de presentación dos traballos a ambos certames, que en conxunto repartirán 36.000 euros en premios.

No caso dos Premios Provinciais á Xuventude, será a sexta edición duns galardóns que buscan estimular e recoñecer o talento, a traxectoria, o esforzo e compromiso da mocidade nas dez categorías do certame: Iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballos musicais (coas subcategorías de música clásica e outros xéneros), traballo literario breve (con narrativa e poesía), banda deseñada, fotografía orixinal (con serie fotográfica e fotografía) e deseño e moda. En cada unha delas haberá tres premios, cun orzamento total de 32.000 euros.

A novidade este ano será a incorporación da modalidade de investigación, á que poderán optar proxectos no ámbito das ciencias e humanidades (ciencias, artes, letras ou xurídicos) realizados en centros de investigación e/ou universidades galegas. Admitiranse traballos rematados, presentados e publicados (incluíndo os de fin de grao), ou proxectos en fase de investigación avanzada. Valoraranse aspectos como a innovación, a relevancia científico-tecnolóxica e a súa contribución no avance do coñecemento no seu campo, a orixinalidade da proposta e os seus aspectos innovadores, así como a vinculación do obxecto da mesma cos sectores estratéxicos produtivos ou os aspectos de carácter social, humano ou patrimonial de relevancia para a provincia. De forma complementaria terase en conta a identificación realista dos obxectivos, a claridade e coherencia das formulacións, a metodoloxía de traballo deseñada, o coñecemento das fontes de datos e a verificación da súa fiabilidade, así como a previsión da difusión dos resultados.

Estes premios están dirixidos a persoas de 16 a 35 anos, aínda que na categoría de Educación en Valores permitirase a concorrencia de proxectos de centros educativos nos que teñan participado alumnado de entre 12 a 18 anos. Nesta categoría, ademais, os premios destinaranse integramente á adquisición de material, saídas educativas, proxectos escolares ou calquera outra actividade que teña relación directa co centro. Ata o 15 de maio as persoas interesadas poderán preinscribirse nestes premios e, posteriormente, abrirase outro prazo para a presentación dos traballos. A gala de entrega dos galardóns celebrarase a finais de setembro.

Por outra banda o concurso Reacción polo Clima, que chega á terceira edición, ten como finalidade promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais, ademais de potenciar o talento da mocidade e amosar as súas reivindicacións. Os galardóns están dotados de 4.000 euros, que se distribúen nun primeiro premio de 2.400 €, un segundo de 1.000 € e un terceiro de 600 €.

Os traballos a presentar deberán realizarse en formato audiovisual, admitirase calquera tipoloxía empregada pola mocidade nas redes sociais ou medios de difusión similares (como Instagram, TikTok, YouTube…) e a súa duración máxima é de 2 minutos e medio.

Este certame está dirixido a persoas físicas e xurídicas. No primeiro caso deben ter entre 16 e 30 anos e estar empadroadas en calquera dos concellos da provincia. No que atinxe ás persoas xurídicas, deben ser entidades que teñan a súa sede fiscal na provincia e que ao menos o 50% das persoas administradoras ou membros da xunta directiva sexan persoas físicas con idades comprendidas entre as citadas idades.

Toda a información sobre os premios estará dispoñible na web da Deputación (www.depo.gal) e as persoas interesadas poderán tamén contactar en caso de dúbidas co Servizo de Cohesión Social e Xuventude [email protected].