14.5 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación colabora con FEAFES no proxecto “Practicum”

    A Deputación colabora con FEAFES no proxecto “Practicum”

    “Practicum” ten como obxectivos a identificación e creación de novas posibilidades de inserción laboral e a eliminación do descoñecemento e prexuízos existentes acerca das capacidades laborais e produtivas das persoas con problemas de saúde mental

    A deputada Ana Laura Iglesias e o deputado Santos Héctor Rodríguez veñen de visitar as instalacións da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais (FEAFES), coa que a institución colabora cunha achega de 20.000 euros para a posta en marcha do seu proxecto “Practicum”. A través desta iniciativa subvencionada pola Deputación estanse a beneficiar 15 persoas de toda a provincia, aínda que os principais municipios de actuación son Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Redondela, Vigo, Cangas, A Guarda, Baiona e Ponteareas. As súas actividades teñen lugar na delegación de FEAFES Vigo e nas empresas onde se realizan as prácticas.

    Iniciado en 2011 froito da colaboración da Deputación e FEAFES, “Practicum” continúa a ser o único proxecto específico de práctica laboral para persoas que padecen enfermidades mentais da provincia. Está pensado para identificar e crear novas posibilidades de ocupación que faciliten a inserción laboral do colectivo, así como para eliminar o descoñecemento e prexuízos existentes na sociedade sobre as capacidades laborais e produtivas das persoas con enfermidades mentais. Así, entre as súas actividades principais destacan a selección, estudo e valoración dos candidatos; a orientación e asesoramento individualizado no proceso de inserción laboral; a formación dos/as demandantes en novas tecnoloxías; o emprego de técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación; a práctica de hábitos que facilitan o acceso e mantemento do emprego e a formación no posto de traballo. Amais, este ano destaca pola creación do Club de Emprego, en cuxas reunións os participantes intercambian información, experiencias, impresións e ofertas.

    A súa metodoloxía partiu dunha fase inicial de identificación e selección dos sectores de actividade e postos de traballo para a posterior creación dunha base de datos das empresas. A partir de aí estableceuse o contacto con elas e procedeuse ás entrevistas de información primeiro e de mantemento ou negociación despois. Finalmente, os participantes do programa están a levar a cabo os seus respectivos empregos con apoio, contando tamén con titorías e técnicas de traballo en grupo. “Practicum”, que conta cun período de actuación dun ano, avaliarase medindo a cantidade de acordos e convenios asinados con empresas, usuarios que accederon á realización das prácticas non laborais, insercións acadadas, empresas visitadas e grao de satisfacción dos usuarios e empresas.

    FEAFES, Federación de Asociacións de Familiares con Enfermidades Mentais, constituíuse en 1995 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, familias e achegados/as e defender os dereitos do colectivo. Na actualidade, esta asociación sen ánimo de lucro agrupa a 12 asociacións repartidas pola xeografía galega, está presente activamente en preto de 30 localidades e representa ás máis de 80.000 persoas doentes. Entre as actividades que desenvolve, destacan as que traballan pola inserción laboral do colectivo, atención personalizada e asesoramento legal e labores de sensibilización e promoción da saúde mental.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.