8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación celebra o Día do Patrimonio Mundial coa posta en valor...

    A Deputación celebra o Día do Patrimonio Mundial coa posta en valor da candidatura da Asociación Ponte… nas Ondas!

    A presidenta, que recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes da asociación educativa, cualificou o seu traballo de 26 anos como “un proxecto de país”

    A Deputación de Pontevedra vai celebrar este martes  o Día Internacional do Patrimonio Mundial coa posta en valor da candidatura da Asociación Ponte… nas Ondas! ao Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. A presidenta provincial Carmela Silva referendou hoxe o apoio absoluto da administración provincial a esta candidatura internacional presentada por España e Portugal e que se decidirá a finais do vindeiro ano 2022.

    Carmela Silva recibiu hoxe no Pazo Provincial a Santiago Veloso (representante de Ponte nas Ondas Galicia), Mª Jesús Álvarez (Ponte nas Ondas Galicia) e Xerardo Feijoo, xornalista de Ponte nas Ondas Portugal, aos que volveu confirmar o apoio da institución provincial a un labor de 26 anos que estase a ver referendado coa citada candidatura internacional. Neste senso, anunciou que na xornada deste martes este apoio visibilizarase nas distintas canles e redes sociais da Deputación.  “Este é un proxecto de país –destacou- e un modelo de boas prácticas para todo o mundo. Conta con todo o noso apoio e estamos orgullosas e orgullosos por ter a xente que de forma altruísta realiza actividades que poñen en valor todo o noso potente patrimonio inmaterial a través da comunidade educativa e de proxectos como Escolas nas Ondas ou o certame de fotografías para construír e divulgar o noso. Nesta provincia hai un enorme talento e proxectos potentísimos vinculados á posta en valor da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa tradición oral baseada nunha secular relación transfronteiriza e nesta Deputación cremos profundamente no valor da relación do sur de Galicia e o norte de Portugal”.

    Amais, a presidenta amosou a disposición da institución provincial a estudar liñas de colaboración coas distintas actividades que con motivo desta iniciativa vai desenvolver o colectivo, entre elas unha Gala do Patrimonio no 2022, así como ao labor promocional da difusión da candidatura. Carmela Silva puxo así mesmo en valor o papel que xoga a educación como elemento transformador da sociedade. Para a presidenta, “promover o patrimonio inmaterial e o xornalismo nos centros educativos é algo moi relevante” así como o feito de que “se poida manter o coñecemento dende unha perspectiva educativa e didáctica”.

    Os e a representante de Ponte nas Ondas expuxeron os seus últimos proxectos á presidenta e lembraron que a decisión da Unesco, que terá lugar a finais do 2022, vincula a un proxecto que implica a escolas e crianzas de ambas marxes do río Miño e que no caso galego conta coa participación de centros de ensino de toda a Comunidade. “O ano que vén ten que ser especial –indicou Santiago Veloso – para a proxección deste proxecto a nivel galego e estatal”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.