13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación busca poñer en valor a figura de Concepción Arenal no...

    A Deputación busca poñer en valor a figura de Concepción Arenal no bicentenario do seu nacemento

    A Deputación, a través dos departamentos de Patrimonio e Igualdade, e o Ateneo de Pontevedra iniciarán este mes a conmemoración do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal co fin de poñela en valor como unha das primeiras feministas galegas e como importante figura do patrimonio histórico feminino polo legado do seu pensamento nunha grande produción de publicacións. Segundo adiantou hoxe a presidenta Carmela Silva na presentación –na que estaba acompañada pola deputada de Patrimonio, María Ortega e o representante do Ateneo, Antón Sobral–, a escritora e profesora Anna Caballé será a encargada de desmontar os mitos creados arredor da figura da humanista galega cunha conferencia maxistral aberta ao público.

    O relatorio de Caballé , que estará o mércores 29 en Pontevedra (20 horas, Café Moderno), ten como título ‘Concepción Arenal, a lei do ben’, e está baseado na biografía que lle valeu a concesión do premio Nacional de Historia 2019 (‘Concepción Arenal. La caminante y su sombra’) “por reunir todos os requisitos de excelencia nunha obra de historia: novidade historiográfica e metodolóxica, pluralidade de fontes e un plantexamento científico e rigoroso sobre un personaxe aínda non suficientemente coñecido”. Nela reconstrúe por primeira vez traxectoria vital de Concepción Arenal, as súas aspiracións, os seus acertos e as súas contradicións.

    A presidenta da Deputación destacou que a conferencia organizada polo Ateneo de Pontevedra sobre Concepción Arenal “vai iniciar as actividades que vamos desenvolver sobre a primeira feminista galega, para poñer en valor a súa figura cando se celebran douscentos anos dende o seu nacemento”. Deste xeito, a conferencia que impartirá a Premio Nacional de Historia Anna Caballé, a quen Silva cualificou como “unha muller imprescindible na cultura e na defensa da igualdade das mulleres”, servirá para afondar na traxectoria vital de Concepción Arenal.

    Carmela Silva aproveitou a ocasión para reivindicar que “nós tivemos moitas mulleres nacidas aquí cun gran nivel, como Concepción Arenal, Clara Campoamor ou Victoria Kent, que son as nosas mulleres, mulleres galegas comprometidas cunha grande capacidade, cunha grande formación, que ocuparon espazos de poder moi potentes e que nós temos que poñer en valor como as súas pequenas herdeiras, para seguir traballando pola igualdade”. Deste xeito, a presidenta da Deputación quixo tamén “mandar un recado a todos eses que falan do pin parental” e amosar, así o seu “compromiso persoal de loita contra todos os que queren afastarnos, ás mulleres, do noso lugar”.

    Concepción Arenal e Pontevedra

    Pola súa banda, a deputada de Patrimonio e Lingua, María Ortego, quixo poñer en valor a figura de Concepción Arenal polo feito de ter ideas feministas, pero tamén por ser patrimonio histórico feminino deste país, tendo reflexado as súas ideas de forma escrita cun legado de numerosos escritos e libros sobre os seus pensamentos na defensa das persoas necesitadas e da necesidade de mudar a sociedade.

    “Concepción Arenal é o noso patrimonio feminino. Por iso ten que vir a primeira fila. É unha muller que viviu nun tempo onde a muller estaba cuestionada e non podía demostrarse no ámbito público, e ela loitou contra ese estatus. Fíxose a si mesma, sendo máis reformista que revolucionaria. Ía por diante dos seus tempos pero con vagaxe chea de contradicións (…) e aínda así deu pasos importantes e deixou un legado e patrimonio escrito do seu pensamento “, subliñou a nacionalista.

    Ortega tamén puxo de relevo que Concepción Arenal viviu en Pontevedra ao final da súa vida, cando era maior e doente, e chegou a ser unha figura fundamental para que se organizaran ao seu arredor faladoiros de ilustres homes pontevedreses, dando protagonismo así a unha voz feminina. Así mesmo, destacou que o Museo de Pontevedra conta cun amplo patrimonio sobre ela (cadros, figuras, escritos…) e incluso en 1996 editou un traballo da autora que non fora publicado antes. “Todos estes son argumentos máis que suficientes para darse conta da importancia de apoiar esta iniciativa do Ateneo”, subliñou Ortega, quen convidou á cidadanía a asistir á conferencia de Caballé para “desmontar moitos mitos” sobre a figura da humanista galega.

    Pola súa parte, Antón Sobral destacou que o Ateneo é un foro de debate independente que organiza arredor dunhas 70 actividades anuais. Sinalou que sen a colaboración da Deputación non sería posible sacar adiante a conferencia de Anna Caballé, de quen salientou a profesionalidade na investigación sobre Concepción Arenal. Tamén lembrou a vinculación de Caballé co feminismo e destacou que é impulsora da iniciativa para que se elimine a denominación de ‘Congreso dos deputados’ por ser redundante e non inclusiva, a favor de unicamente ‘Congreso’.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.