Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación “Aviventa o Deporte” cunha programación chea de actividades

Volven as DepoAndainas, as Rutas BTT, as actividades de orientación e o novo programa DepoAuga

Baixo o lema “Aviventa o Deporte” a Deputación de Pontevedra segue a impulsar a práctica deportiva como un dos seus eixos fundamentais de actuación. A presidenta Carmela Silva desvelou hoxe a programación deportiva e sustentable que o ente provincial ten preparada para os vindeiros meses cunha chea de actividades que “pasarán por todas as comarcas e por diversos concellos da provincia” coas DepoAndainas, as DeporutasBTT, Depo Orienta e Depo Auga, a novidade que o ente provincial preparou para este verán.

Por sexto ano consecutivo as DepoAndainas percorrerán a provincia con catro rutas que comezarán o 18 de xullo na Vía Verde, entre os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa, e seguirán o 1 de agosto na Ruta do muíños de Golfariz, na Estada. O 22 de agosto as DepoAndainas chegarán á Senda do río Tea, en Mondariz, e finalizarán o 12 de setembro na Senda azul do río Verdugo, en Ponte Caldelas. A presidenta provincial lembrou que cando se abren os prazos de inscrición “as prazas rematan de forma inmediata así que a xente ten que estar atenta para apuntarse”. As Deporutas BTT acadan a súa quinta edición con tres rutas que levarán aos e ás amantes deste deporte a percorrer o 29 de agosto os Montes do Deza, en Silleda, o 19 de setembro a Costa da Vela, nos concellos de Bueu e Cangas, e o 17 de outubro a Costa do Atlántico, na Guarda.

Tras o éxito acadado o verán pasado o programa Depo Orienta volve con tres actividades que se levarán a cabo o 5 de setembro no monte do Galiñeiro, en Gondomar, o 26 de setembro no monte do Acibal, en Barro, e o 10 de outubro na desembocadura do río Umia, en Cambados. Depo Auga chega como a gran novidadedo ano para achegar o pádel surf e o caiac á cidadanía a través de dúas actividades que terán lugar o 8 de agosto no río Deva, no concello da Cañiza, e o 28 de agosto no río Miño, no concello das Neves.

Deporte de alto nivel

A presidenta provincial anunciou tamén a creación dunha liña específica de bolsas destinada a apoiar ás e aos deportistas olímpicos da provincia clasificados para competir nos Xogos de Tokio. En total serán 75.000 euros os que a Deputación repartirá entre todas as persoas que finalmente se clasifiquen para as olimpíadas. Carmela Silva lembrou que a día de hoxe hai 12 persoas na provincia que xa conseguiron o seu billete a Tokio, unha lista que pode verse incrementada nos próximos días.

Amais, a presidenta provincial puxo en valor aos 219 deportistas que xa foron recoñecidos e recoñecidas coa marca provincial nas categorías de DEPODAN , Deportista de Alto Nivel, 169, e DEPOPROMESA, 50. Son persoas que “nos representan na elite” polo que se prevé que na Xunta de Goberno da semana que vén se aproben “as becas que lles permitirán desenvolver a súa carreira deportiva con recursos” e que este ano ascenden aos 250.000 euros.

Con estas achegas a Deputación xa dedicou ao deporte investimentos por case 3,7 millóns de euros converténdose así na administración que máis recursos dedica ao deporte nesta provincia atendendo de forma relativa ao noso orzamento.