8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aproba o programa "Depotermal" para o vindeiro ano

    A Deputación aproba o programa “Depotermal” para o vindeiro ano

    A Xunta de Goberno dá luz verde á contratación da oferta de termalismo social, que volverá no 2022 sempre que a situación sanitaria o permita

    A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar o primeiro paso para a volta despois de dous anos de “Depotermal” coa aprobación do expediente para contratar á empresa que xestionará este programa de termalismo social, que ofrecerá no 2022 un total de 4.434 prazas, sempre que a situación sanitaria o permita. A institución provincial destinará preto de 112.000 euros a esta iniciativa, unha das de maior participación da súa programación e que busca fomentar o avellentamento activo e mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias. Así, desde 2015 un total de  12.121 persoas de toda a provincia participaron no programa.

    Poderán beneficiarse as persoas empadroadas na provincia e nacidas antes do 1 de xaneiro de 1972, as que teñan a condición de pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, que poidan valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria. Tamén as que non cumprindo estes requisitos precisen dun respiro familiar. “Depotermal” busca deste xeito mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias establecendo novas relacións sociais e favorecendo a súa participación en actividades que melloren o seu estado anímico, promovendo espazos de encontro e o intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. Amais de facilitar o acceso ao turismo de saúde, esta iniciativa da Deputación serve tamén como plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, ao desestacionalizar a demanda.

    Das citadas 4.434 prazas ofertadas para o vindeiro ano, un total de 1.248 serán para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas. Neste caso, 186 das prazas serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social que a Deputación subvencionará con 107,10 euros por praza, mentres que no caso das 1.062 restantes subvencionará un máximo de ata 53,5 euros en función da renda. E, por outra banda, o programa termal con pernoita e réxime de pensión completa de domingo a venres, contará con 3.186 prazas, das que 124 serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. Nese caso a institución provincial subvencionará 280,73 euros por praza.

    Trala adxudicación da contratación á empresa xestora, publicarase a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e as persoas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude. Terán a súa disposición un formulario na web da Deputación que terán que cubrir e que poden presentalo electrónica ou presencialmente.

    A Deputación ten tamén un rexistro de concellos adheridos ao plan, que como entidades colaboradoras facilitarán as persoas a realización dos trámites e axudas caso de poder optar a elas. Forman parte dese rexistro 53 concellos: Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro. Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño,  Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía e Vilanova.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.