8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aposta polo turismo cun ambicioso Plan de Reactivación dotado con...

    A Deputación aposta polo turismo cun ambicioso Plan de Reactivación dotado con máis de 3,5 millóns de euros

    Carmela Silva: “O plan dá resposta ás novas demandas e necesidades do sector turístico da provincia ante a importancia de sumar esforzos entre o tecido empresarial e as distintas administracións”

    Como “eixo central da actuación da Deputación de Pontevedra” situou a presidenta da Deputación de Pontevedra ao turismo, ao que considerou “un sector fundamental para a provincia” e para o que institución provincial elaborou un Plan de Reactivación dotado con máis de 3,5 millóns de euros. “Falamos dun plan que dá respostas ás necesidades do sector turístico da provincia ante a importancia de sumar esforzos entre o tecido empresarial e as distintas administracións”, asegurou Carmela Silva. A presidenta detallou ademais que se trata dunha iniciativa transversal con medidas concretas vertebradas en cinco eixos centrais: aspectos legais e financieiros; prevención, seguridade, saúde e hixiene; dixitalización e competitividade; fomento da demanda de produtos e servizos turísticos e promoción do destino Rías Baixas.

    Carmela Silva destacou o carácter “participativo” do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que se involucraron concellos e o propio sector turístico, a través de enquisas, e que se completou coas conclusións da Mesa Provincial de Turismo, coa análise de tendencias e estudos de diferentes organizacións turísticas galegas, nacionais e internacionais, co obxectivo de “coñecer os datos para dar respostas rigorosas e serias”. Deste xeito, tal e como explicou a presidenta provincial, “detéctanse cambios importantes na oferta e na demanda, pola paralización da actividade e limitacións na mobilidade, a necesidade de liquidez das empresas, os propios ERTE, a crise de confianza, os novos hábitos de consumo e a perda de poder adquisitivo das familias”. Un contexto que apunta “a centrarse na saúde, hixiene e seguridade; nos ODS, na innovación e dixitalización e no turismo de experiencias asociado á natureza a sustentabilidade”. Ao respecto, a presidenta fixo fincapé no incremento da venda online con flexibilidade, na seguridade e confianza no transporte público e na necesidade de crear un modelo de xestión e gobernanza turística coordinado a nivel local, nacional e europeo.

    Ademais, o Plan de Reactivación detecta fortalezas e necesidades do sector turístico na provincia de Pontevedra como a necesidade de reforzar a marca Rías Baixas como destino seguro, a importancia de garantir a viabilidade e supervivencia do tecido empresarial e do emprego, a potenciación e competitividade das persoas traballadoras e empresas e o impulso da demanda e do turismo de proximidade. Tamén contempla catro posibles escenarios, dende un escenario optimista, a un central, de recuperación e de posible rebrote. Ao respecto, aínda que se trata dun documento vivo coa finalidade de adaptarse ás situacións que se poidan dar en cada momento, o Plan parte do escenario central que, segundo a presidenta da Deputación, “agarda unha recuperación rápida do turismo nacional e unha recuperación lenta do internacional, cunha caída de visitantes no 2020 do 53,96 % e no 2021 do 22,51 %”.

    En base ao anterior, establécense cinco eixos centrais para reactivar o destino Pontevedra provincia: os aspectos legais e financieiros; a prevención, seguridade, saúde e hixiene; a dixitalización e competitividade; o fomento da demanda de produtos e servizos turísticos e a promoción do destino Rías Baixas. Nestes cinco eixos, tal e como informou a presidenta provincial, enmárcanse medidas, iniciativas e actuacións, “moitas delas xa en marcha”.

    En canto a aspectos legais e financieiros, Carmela Silva detallou que “imos demandar tanto da Xunta de Galicia como do Goberno do Estado que garantan a solvencia financieira, legal e fiscal das empresas porque o sector turístico é fundamental”. Ao respecto, a presidenta puxo como exemplo medidas xa postas en marcha pola Deputación de Pontevedra como o aprazamento de taxas municipais, o fraccionamento dos tributos, o fomento da liquidez nas empresas, a elaboración de guías informativas e webinars relacionados coa tramitación de ERTEs, bonificacións ou axudas a persoas autónomas.

    No que respecta á prevención, seguridade, saúde e hixiene, Silva destacou os diferentes plans e protocolos de garantía sanitaria adoptados tanto nas oficinas Info Rías Baixas, como nos castelos ou nos Museos. Neste eido tamén recordou as videoconferencias informativas, a Comisión Técnica de asesoramento creada pola institución provincial ou o apoio a festivais de cinema e audiovisuais para que poidan desenvolverse garantindo a seguridade.

    Pola súa banda, na dixitalización e competitividade enmárcanse actuacións encamiñadas a converter ás TIC en ferramentas de xestión do sector turístico, tanto para os concellos como para o sector privado. Neste eido, a presidenta mencionou o deseño do novo Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023; o esforzo en formación, asesoramento en materia de dixitalización e competencia; a organización de xornadas centradas nas ferramentas tecnolóxicas; os programas de aceleración empresarial e convocatorias abertas de innovación; a creación de novos produtos, servizos e experiencias; o fomento da vixilancia tecnolóxica mediante o desenvolvemento de estudos periódicos e análise big data e o lanzamento do proxecto Tourist Inside, que contempla, entre outras cuestións, a xeración de contidos dixitais, un sistema de sinalización turística intelixente, un proxecto piloto de praia intelixente e un centro dixital de benvida nas oficinas da rede Info Rías Baixas.

    En canto ao fomento da demanda de produtos e servizos turísticos na provincia, Carmela Silva destacou a posta en marcha de accións para reactivar o consumo local e estimular a atracción de turistas en todas as comarcas da provincia. Para elo, tal e como detallou a presidenta, vanse lanzar actividades culturais, levando, por exemplo, música a espazos públicos da provincia; accións relacionadas co turismo de natureza, ocio e posta en valor do patrimonio cultural; visitas teatralizadas e roteiros; programas como as Depoandainas, as DepoRutas BTT ou Deporienta; a creación de novos produtos; rutas autoguiadas ou accións de turismo sostible como os bosques terapéuticos.

    No que respecta á promoción do destino Rías Baixas, a presidenta provincial adiantou que se vai impulsar un paquete de comunicación e comercialización a nivel galego e nacional, así como tamén en Portugal, cunha campaña “ligada á proximidade e centrada na promoción da provincia como destino seguro, de natureza, de cultura e onde desfrutar con toda a confianza”.

    O sector turístico e incidencia da Covid-19

    Carmela Silva puxo en valor a importancia do sector turístico en España, destacando que “somos o segundo destino internacional” e que en Galicia, onde o turismo representa o 10,4 % do PIB, hai máis de 200.000 empresas e 123.722 persoas ocupadas. A presidenta tamén asegurou que na comunidade autónoma é a provincia de Pontevedra “a que ten un maior peso no eido do turismo”. En canto ás cifras, a provincia de Pontevedra acolleu, o ano pasado, a 1,7 millóns de persoas viaxeiras das cales o 80,3 % eran residentes en España. Neste eido, Silva fixo fincapé na importancia de “dirixirnos aos mercados de proximidade, xa que vai ser a primeira saída para o sector turístico”.

    No que respecta á incidencia da Covid-19 no turismo, o estudo realizado no marco do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que participaron 200 empresas das diferentes comarcas da provincia, destaca que o 47 % delas tiñan menos de 6 persoas traballadoras; o 86 % das empresas tiveron que deter a súa actividade por completa e soamente un 13 % puido manter o 25 % da actividade; o 29 % tivo que acollerse a un ERTE de forza maior e o 25 % por causas produtivas.

    Sobre as perspectivas de cara ao segundo semestre do 2020, aínda que a día de hoxe –tal e como subliñou Silva- “son máis positivas”, o 40 % cren que terán menos dun 25 % de actividade, un 37 % entre un 25-50 % de actividade e un 17 % que non poderán renovar a súa actividade. As empresas sinalan, ademais, que ampliarán as medidas de prevención, seguridade e protección, reorientarán os seus produtos e servizos e incrementarán a dixitalización de canles de venda. Tamén, a través das enquisas, fixeron fincapé na necesidade dunha maior coordinación entre administracións para a promoción de novos produtos e servizos de proximidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.