Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación anima a apuntarse á Escola de Cantería, que xa abriu o prazo de preinscricións

O prazo de preinscrición para matricularse nas ensinanzas que oferta o centro estará aberto ata o 12 de setembro cara ao curso que se desenvolverá de xeito presencial

A Escola de Cantería ten aberto ata o 12 de setembro o prazo de preinscrición para formarse nun dos oficios máis antigos de Galicia. O centro da Deputación de Pontevedra volve ofertar para o curso 2021-2022 as titulacións de canteira/o e mestra/e canteira no seu afán por estimular a vocación artística e conservar e promover o patrimonio da arquitectura tradicional. Para animar á poboación a realizar estes estudos a Deputación vén de lanzar na web institucional e nas súas redes sociais un audiovisual no que a presidenta provincial, Carmela Silva,  deixa claro que este “é un traballo con futuro” posto que “a pedra xunto coa auga é a alma de Galicia” e lembra que a Escola ten “canteiros e canteiras traballando nas obras máis importantes do mundo”. Xunto a Carmela Silva aparece no audiovisual alumnado e ex-alumnado da Escola que explica as súas experiencias e como lles serviron para acadar as súas metas laborais.

Todas as persoas que queiran acceder aos estudos deben encher un formulario de preinscición dispoñible no sitio web da Escola (https://escoladecanteria.depo.gal/). Logo terán do 13 ao 24 de setembro para formalizar a súa matrícula, para o que necesitarán achegar toda a documentación requirida. O curso comezará o 1 de outubro e levarase a cabo de xeito presencial cumprindo con todos os protocolos de seguridade sanitaria. Os estudos para ser canteiro teñen unha duración de tres anos, durante os cales se impartirá unha formación moi práctica que se centrará na construción, escultura, restauración e rehabilitación. Para acceder será necesario posuír un título de graduado escolar ou equivalente e superar as probas de selección. No caso dos estudos de mestra/e canteira, cunha duración de dous anos adicionais, é preciso posuír o título de cantería.

A Escola de Cantería é un centro de formación único a nivel mundial que ofrece coñecementos ancestrais herdados do gremio á vez que combina unha sólida formación teórica co acceso á tecnoloxía actual. As obras que realiza o alumnado e ex-alumnado da Escola locen por todos os recunchos da provincia, como a peza dedicada a Teresa Portela inaugurada en Cangas no mes de marzo ou o cruceiro que preside dende abril a subida á igrexa de San Paio de Lavadores, en Vigo. Do mesmo xeito chegan a lugares de todo o mundo como Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal.  Ademais, antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en proxectos tan emblemáticos coma a restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, ou as actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.