8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación amosa o seu compromiso á AECC cunha achega de 15.000...

    A Deputación amosa o seu compromiso á AECC cunha achega de 15.000 €

    Inclúe actividades de investigación, divulgación, prevención, formación e outras iniciativas de carácter sanitario ou asistencial

    A deputada provincial, Olga García, vén de visitar a sede provincial da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) coa que a Deputación colabora este ano cunha achega de 15.000 € para a posta en marcha do Programa de Atención Bio-Psico-Social ás persoas doentes oncolóxicas e ás súas familias que beneficiará a máis de 12.000 persoas da provincia.

    O Programa contempla actividades de investigación, divulgación, prevención, formación e outras iniciativas de carácter sanitario ou asistencial dirixidas a persoas con cancro e ás súas familias. Inclúe intervención psicolóxica individual e grupal, intervención social, actividades de ocio e tempo de lecer, actividades culturais e obradoiros ocupacionais, rehabilitación oncolóxica e iniciativas de prevención e sensibilización.  Mediante estas actividades o programa pretende facilitar unha vida normalizada, mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas de cancro e das súas familias, minimizar as alteracións emocionais, recuperar o nivel de funcionamento persoal previo á enfermidade, favorecer a integración social, previr a aparición de sintomatoloxía clínica derivada da doenza, cubrir as necesidades básicas das persoas doentes, previr e reducir a progresión de efectos secundarios, orientar e favorecer a autoaxuda e participación das e dos doentes.

    Esta iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro, que xurdiu a finais da década dos anos 90 do século pasado e que foi ampliando a súa programación ata converterse no programa básico da asociación tanto pola súa amplitude como pola gran demanda,  arrancou xa a comezos de ano e espallarase ata decembro. Desenvólvese nas sedes de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Redondela, O Porriño, Cambados, Marín, O Grove, Cangas, Mondariz e Mos, así como en unidades hospitalarias, espazos públicos e nos propios domicilios de persoas doentes que teñen dificultades para desprazarse.

    A AECC desenvolve numerosos proxectos e presta diferentes servizos centrados na atención a persoas con cancro e familias. Conta para elo con persoal do ámbito da psicoloxía, do traballo social, persoal de administración e unha equipa de voluntarias/os que están a impulsar dende programas de información, orientación e xestión; ata axudas económicas de emerxencia; programas de alimentos; de préstamo de material e atención social ao doente terminal e aos seus familiares; programas de estancias terapéuticas e orientación laboral; de terapia de voz e atención psicosocial a doentes con patoloxía avanzada; así como atención psicolóxica e actividades na escola.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.