Mércores, 11 Decembro de 2024

A Deputación adianta o lanzamento das bases de axudas ás confrarías, mariscadoras e cooperativas agrogandeiras

O obxectivo é que estes colectivos do sector produtivo aproveiten este tempo de confinamento para recompilar a documentación necesaria para tramitalas

A Deputación de Pontevedra publica hoxe no BOPPO as bases reguladoras de dúas liñas de subvencións para investimentos no sector primario para este ano 2020, por un importe total de 450.000 euros. Por unha banda, cun orzamento de 250.000 euros, as axudas ás confrarías de pescadoras e pescadores, á federación de confrarías e ás agrupacións de mariscadoras da provincia; e, pola outra, cun crédito total de 200.000 euros, subvencións dirixidas ás cooperativas agrogandeiras.

Deste xeito, malia que ante a situación derivada polo COVID-19 o prazo de formalización de solicitudes para ambas subvencións non se abrirá ata que finalice o Estado de Alarma, as entidades que o desexen xa poden ir preparando toda a documentación necesaria para axilizar o proceso e ter todo listo para cando se poidan comezar a tramitar. Deste xeito, a Deputación está traballando arreo para poder poñer todo en marcha en canto a situación mellore, nun momento no que ante as circunstancias da actual crise sanitaria e da situación laboral que sofren numerosas traballadoras e traballadores, estas axudas convértense máis necesarias que nunca.

Con estas achegas, a Deputación aposta pola economía, por un sector primario que ten un gran peso nesta provincia e que soporta coa súa actividade o sustento de moitas familias, que poden verse beneficiadas con estas axudas. Así, estas dúas liñas de subvencións encaixan coa aposta da institución provincial polo rural e pola súa economía, dando resposta a unha urxencia social como é o despoboamento.

En concreto, no caso das confrarías, o importe das axudas van dun mínimo de 600 euros ata un máximo de 30.000 euros. Deste xeito, con estas achegas o que se pretende é axudar a levar a cabo todas aquelas accións que sirvan para apoiar ás confrarías, á federación e as agrupacións de mariscadoras da provincia en proxectos e actuacións que teñan como obxecto a comercialización e valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento da actividade das confrarías e da federación, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovábeis e o aforro enerxético, así como material para a vixilancia das producións e investimentos para mellorar os servizos prestados.

No que respecta ás cooperativas agrogandeiras, as subvencións irán dun mínimo de 600 euros ata un máximo de 35.000 euros. Así, serán susceptibles de axuda as accións destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto a comercialización, transformación e valorización das producións; a formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica; a posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovábeis e aforro enerxético; así como aqueles investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa.