Mércores, 11 Decembro de 2024

A Deputación abre o prazo para solicitar a obtención ou renovación das categorías deportivas Depo-Dan e Depo-Promesa

Conseguir a clasificación na marca provincial é o paso previo para que as e os deportistas poidan acceder ás bolsas provinciais, dotadas este ano cun orzamento de 325.000 euros

Trala súa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, a Deputación de Pontevedra abre este martes, 27 de abril, o prazo para solicitar a obtención ou renovación da categoría de Deportista de Alto Nivel (DEPO-DAN) e Deportista Promesa (DEPO-PROMESA) da provincia, primeiro paso para obter as bolsas deportivas da institución, ás que este ano se destinan 325.000 euros, orzamento no que tamén se inclúen as axudas a deportistas olímpicos/as.

No que se refire á categoría DEPO-DAN, para obtela só e necesario estar en posesión da cualificación de deportista de alto nivel autonómico ou estatal. Como xa se fixera o pasado ano, e para facilitarlles o proceso, serán renovados automaticamente sen que teñan que realizar ningún trámite, os e das deportistas que xa estaban recoñecidos pola institución, (de acordo á relación definitiva publicada no Boppo o 29 de maio de 2020), os e as que continúen sendo recoñecidos deportistas de alto nivel pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta ou polo Consello Superior de Deportes estatal nas súas últimas listaxes.

No que atinxe á categoría DEPO-PROMESA, este 2021, como novidade e tendo en conta a situación de pandemia, a Deputación certificará o mellor resultado do ano 2019 ou do ano 2020, debido a cancelación ou impedimento para competir que sufriron os e as deportistas o pasado ano. En concreto, se terán en conta os resultados a participación nos campionatos do Mundo ou de Europa ou ter figurado entre os 3 primeiros postos na clasificación final dos campionatos de España das diferentes modalidades deportivas.

A partir deste martes 27, as persoas aspirantes teñen un prazo de quince días hábiles para presentar as súas solicitudes, que deberán realizar preferentemente a través da sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal).