Mércores, 13 Novembro de 2024

A Deputación abre o prazo de inscrición para ‘DepoAventura A Lanzada 2020’

A institución provincial volve a ofertar un ano máis un total de 2.200 prazas para participar nas 11 quendas que organizará entre o 21 de xuño e o 5 de setembro

A Deputación de Pontevedra abre este mércores 4 de marzo o prazo de inscrición para participar nos exitosos campamentos “DepoAventura A Lanzada”. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir deste mércores.

O programa da institución provincial trátase dun programa que consiste no desenvolvemento de campamentos de verán no Centro de Vacacións A Lanzada, nos que a rapazada de entre 8 e 13 anos participa en actividades lúdicas, culturais, deportivas e formativas, co obxecto de contribuír ao seu enriquecemento persoal e de facilitarlles coñecer outros lugares e accións fóra da súa contorna habitual.

Durante unha semana as crianzas teñen á súa disposición actividades de convivencia, náuticas, medioambientais e ata algunhas de lingua inglesa. Amais, a institución provincial vai espallar os principios de igualdade, dándolle visibilidade ás mulleres dos ámbitos profesionais máis asociados aos homes, co obxectivo de poñer en valor o papel daquelas que lograron fitos importantes nestes campos, e tamén se porá especial atención no uso da linguaxe, actitudes ou musicas non sexistas nin discriminatorias.

‘Depo Aventura A Lanzada 2020’ ofertará un total de 2.200 prazas: 1.900 para o procedemento xeral e 300 para menores en situación ou risco de exclusión social. A Deputación asume o 50 % do custo total no caso das prazas de procedemento xeral, quedando un importe de 100 euros por persoa, e o 100 % nas prazas destinadas para menores en situación de risco ou exclusión social, sendo totalmente gratuítas.

Amais, como novidade de cara a este ano incorpórase a posibilidade de que as e os menores de familias monoparentais se beneficien, do mesmo xeito que as familias numerosas, dun desconto do 20 % sobre o prezo da praza.

Concretamente, nesta nova edición, os campamentos vanse desenvolver, entre o 21 de xuño e o 5 de setembro, en 11 quendas de 7 días de duración cada unha e cun máximo de 200 participantes.