Desde este martes, 6 de agosto, estará aberto o prazo para que as persoas que o desexen poidan participar na terceira das DepoAndainas 2019 programadas pola Deputación de Pontevedra, que percorrerá distintos espazos do concello do Grove, entre eles o parque forestal da Illa da Toxa e a ruta das pasarelas de Pedras Negras.
Máis polo miúdo, trátase dun itinerario con dúas rutas que se desenvolverán pola mañá e pola tarde. Na primeira andaina, as persoas participantes visitarán a illa da Toxa, co seu parque forestal e a aldea dos Grobits, mentres que na segunda, pola tarde, percorrerán a Ruta dos Cons, un paseo de madeira desde o que poderán contemplar a localidade de San Vicente do Mar, a súa costa e numerosas esculturas en pedra.
Como no resto das DepoAndainas, a Deputación de Pontevedra ofrece un total de 300 prazas, dirixidas a persoas de toda a provincia, independentemente da súa idade, aínda que o Concello do Grove poderá ofertar outras 50 prazas adicionais. Ademais, a institución provincial facilitará ás persoas participantes o traslado ata O Grove en autobuses, que sairán da praza de Galicia de Pontevedra e da praza de España en Vigo. As persoas interesadas en participar neste percorrido deberán cumprimentar o impreso de solicitude na páxina web www.depo.gal, con data límite do 14 de agosto.
O programa de DepoAndainas ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable, ao tempo que promover o turismo. Ademais, ten un marcado compromiso co medio ambiente e deste xeito, en cada una das sete andainas impulsaranse charlas de concienciación e sensibilización. Despois da ruta por O Grove, a programación continuará o 1 de setembro coa DepoAndaina polo parque A Canuda e o paseo fluvial da Illa Fillaboa en Salvaterra de Miño (o prazo de apertura de inscricións abre o 19 de agosto). A quinta andaina se celebrará o 22 de setembro polo Bosque encantado en Cangas e polas Illas Cíes en Vigo (abre o prazo o 2 de setembro) e xa no mes de outubro terán lugar as dúas últimas rutas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición comezará o 23 de setembro) e o día 12 pola ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (o prazo para inscribirse comeza o 30 de setembro).