12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA “DemoDay” da IV aceleradora de turismo amosa o pulo dos emprendedores...

    A “DemoDay” da IV aceleradora de turismo amosa o pulo dos emprendedores da provincia

    A “DemoDay” organizada pola Deputación para que as persoas emprendedoras que participaron na cuarta aceleradora de empresas turísticas presentasen os seus proxectos amosou o pulo e a iniciativa empresarial do sector na provincia. “Teñen un talentazo. Vexo ideas, paixón e proxectos que traerán grandes triunfos. E vexo xente valente, que ten iniciativa e que quere cumprir os seus soños”, salientou a presidenta provincial, Carmela Silva, tras presenciar a exposición de todos os proxectos nun acto celebrado na sede de Vigo.

    Dúas guías turísticas (Turismo + Patrimonio e Mellor con Guía), unha empresa de actividades náuticas (Galping Water Sports), un albergue (Rosa de Abreu, en Redondela), unha firma especializada en produción e animación de eventos (Sarao Producción & Animación) e unha páxina web informativa de eventos, festas e actividades lúdicas en Galicia e o norte de Portugal (Troulanda) recibiron asesoramento na aceleradora, iniciativa que a Deputación desenvolve a través do servizo SmartPeme e que apoia as empresas do sector turístico no uso das novas tecnoloxías, a imaxe corporativa, o márketing e a viabilidade empresarial.

    “Defendemos un turismo sostible ligado a este paraíso no que vivimos e ao talento e a iniciativa”, explicou Carmela Silva, para salientar que as novas tecnoloxías “son un instrumento fundamental para que as empresas nazan e se manteñan nun mercado tan competitivo”. A presidenta da Deputación enxalzou os diferentes proxectos, “ideas fantásticas que desenvolven o potencial turístico da provincia; ofrecen novas actividades lúdicas; relatan a nosa historia, patrimonio e maneira de vivir; informan dos nosos eventos; fan vivir experiencias dunha forma especial e potencian o Camiño Portugués que tanto nos identifica”.

    A presidenta felicitou as emprendedoras e emprendedores e resaltou o feito de que catro dos proxectos son promovidos por mulleres. “Satisfainos especialmente. Hai un enorme talento feminino que debe ocupar o seu espazo, e os datos din que tanto o emprendemento como a gran maioría das ideas que triunfan proveñen de mulleres”, afirmou. Carmela Silva tamén fixo fincapé no éxito de SmartPeme, “un proxecto de éxito que desde fai seis anos dá espazo, información e asesoramento a milleiros de pequenas e medianas empresas”. A Deputación ten en marcha, xunto coa aceleradora de empresas turísticas, outra dirixida ao sector comercio.

    Os seis proxectos empresariais

    Patricia Novas, de Cangas, guía turística oficial e intérprete de patrimonio, impulsou o proxecto empresarial Turismo + Patrimonio, nome que combina as súas grandes paixóns. “Céntrome nos castros e os petróglifos, temos unha paisaxe marabillosa e moita riqueza histórica, e trato de que a xente coñeza moito máis que as praias”, explicou e, ao igual que todas as demais persoas emprendedoras participantes, agradeceu o seu apoio a SmartPeme e a Deputación de Pontevedra. O asesoramento centrouse no seu caso no desenvolvemento web, programación de actividades, liñas de negocio e coñecemento do público obxectivo.

    Rosa María de Abreu, propietaria do albergue Rosa de Abreu en Redondela, explicou que ten “unha idea romántica do Camiño Portugués” e trata de que as persoas que se hospedan no seu establecemento “se sintan cómodas e a gusto nun ambiente familiar”. A emprendedora recibiu na aceleradora apoio para crear un logotipo, a xestión do correo corporativo, o uso da plataforma Booking, a elaboración dun plan de empresa e a análise do público obxectivo.

    Leticia e Patricia Pérez, de Vigo, son as promotoras de Troulanda, unha páxina web especializada na información de eventos e actividades lúdicas en Galicia e o norte de Portugal. “Hai moitísimo patrimonio cultural invisible, eventos que suceden unha vez ao ano, ou ao mes. Collemos os recursos, poñémolos nun calendario, situámolos xeograficamente e dámoslle un contexto”, explicou Leticia. O desenvolvemento da web, as redes sociais e a planificación estratéxica foron os eixos do asesoramento desta iniciativa.

    Baltasar Pujales, de Vigo, impulsou Galping Water Sports, un servizo de alugueiro de Hobie Step Paddle Surf (táboa acuática con pedais). “É unha actividade innovadora, sostible e moi accesible. Somos apaixonados do deporte, a natureza e a aventura”, expuxo na súa presentación. O asesoramento centrouse neste caso no desenvolvemento web, as redes sociais, a creación de logotipo, identidade de marca e a edición de vídeo.

    Soledad Chayán dedícase ás visitas guiadas por Redondela e a illa de San Simón a través da iniciativa Mellor con Guía. “É importante personalizar a experiencia, fiar un relato e facelo interesante. E nós temos unha zona moi bonita e con moita historia”, destacou. O apoio centrouse nas webs, modelos de negocio, subvencións, imaxe corporativa e plan de empresa.

    Finalmente, Javier Lago, de Vigo, é o promotor de Sarao Producción & Animación, enfocada á produción e animación de eventos. “Gústanos dicir que somos creadores de alegría para o público infantil e adulto e tamén nos actos institucionais. Traballamos á carta e temos o noso menú: musica, maxia, pasarrúas…”, explicou. Sarao animou o propio acto na sede da Deputación con dúas orixinais personaxes fantásticas que recibían o público. Redes, optimización web e estratexia para abrirse a novas tipoloxías de clientes foron o eixo do apoio ao seu proxecto neste caso.

    No seu paso pola aceleradora as seis empresas recibiron máis de cen asesoramentos. Nunha primeira fase elaborouse a folla de ruta e un programa de titorías, ademais de celebrarse unha xornada de networking. Na segunda houbo sesións grupais sobre a comercialización en liña de establecementos e destinos turísticos ou a optimización de páxinas web. Na aceleradora de empresas turísticas de SmartPeme participaron, desde a súa primeira edición, vinte e seis proxectos empresariais e presentáronse setenta candidaturas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.