Haydée Castillo (Nicaragua), Verónica Salazar (O Salvador), Miriam Suazo (Honduras), Estela Ángeles Mondragón (México) e María Cuc Choc (Guatemala) son mulleres que forman parte das máis de 2.000 defensoras de dereitos humanos organizadas arredor da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos. Elas cinco son as protagonistas da colección de libros ‘Defensoras de dereitos’ que se presentou no Culturgal coa participación de Victoria Alonso, deputada de Cultura e Igualdade; Lorena Seijo, portavoz da Coordinadora Galega de ONGD; e Marta Conde, a ilustradora dos libros. Ademais, as versións impresas dos libros estiveron a disposición das persoas interesadas.
A colección, impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social en colaboración coa Iniciativa IM-Defensoras e co apoio da Deputación, está dirixida ao público xuvenil e ten un formato adaptado para que, desde os centros educativos e as bibliotecas, se reflexione e traballe colectivamente o seu contido. Foi creada, editada e publicada en 2020 con tres títulos inéditos e este ano completouse con dous máis: Haydeé Castillo sementeira de paz e Bea á procura da luz.
A autora dos libros é a xornalista e escritora de Marín, Lara Dopazo, e as ilustracións son obra da deseñadora gráfica Marta Conde e o colectivo de arte gráfico mexicano, RotmInas. Os libros, de acceso libre, contan con exemplares impresos e versións online en galego e castelán dispoñibles na páxina web da Coordinadora (galiciasolidaria.org) para que poidan lerse e compartirse en Galicia e nos países de orixe das súas protagonistas.
As protagonistas
Haydée Castillo é unha histórica activista e defensora dos Dereitos Humanos en Nicaragua. Na década dos 70, cando era unha adolescente, sumouse á loita contra a ditadura dos Somoza. Desde entón, o seu activismo feminista e en defensa dos dereitos das comunidades rurais e indíxenas non cesou. En 2018 saíu de Nicaragua rumbo aos Estados Unidos e converteuse en exiliada política. Bea Salazar é activista feminista e defensora de Dereitos Humanos no Salvador. Cando era nova, e en pleno conflito armado, decidiuse unir á guerrilla motivada polas situacións de inxustiza que observaba ao seu redor. Logo da guerra, comezou a traballar en procesos de recollida de información en casos de asasinatos machistas e hoxe, 30 anos despois, forma parte de dúas organizacións que traballan na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e das nenas.
Miriam Suazo ten unha traxectoria de dúas décadas traballando polos dereitos humanos en Honduras. Ela é unha defensora convencida de que “as mulleres temos dereito a vivir unha vida libre de violencias e opresións, a decidir sobre os nosos territorios-corpos e ao pracer”. Pola súa banda, Estela Ángeles Mondragón é defensora dos dereitos territoriais. Desde hai máis de dúas décadas acompaña ao pobo rarámuri, unha comunidade indíxena do norte de México, na recuperación de 44.000 hectáreas de terra e o recoñecemento dos seus dereitos. Finalmente, María Cuc Choc é defensora dos dereitos das mulleres maia q’eqchi’ en Guatemala. Desde moi nova tivo claro que era preciso denunciar e organizarse contra as inxustizas que sufría o seu pobo. María tamén apoia e acompaña a resistencia das comunidades que sofren desaloxos violentos por parte de compañías mineiras e de monocultivono no entorno do lago Izabal, na parte oriental do país.
O próximo martes, ás 18 horas, terá lugar unha conversa online entre a autora dos libros, Lara Dopazo, e dúas das protagonistas: Haydeé Castillo e Verónica Salazar. O encontro emitirase en directo a través da canle de Youtube da Coordinadora Galega de ONGD.
Defender a quen defende
Segundo a organización Global Witness, desde 2015 unha media de catro persoas son asasinadas cada semana no mundo por alzar a voz contra as empresas que se apoderan dos territorios e causan danos ao medio. O último informe de Frontline Defenders, unha organización de apoio e protección ás activistas, revelou que o 28% das 331 persoas defensoras de dereitos humanos asasinadas no mundo en 2020 traballaban polos dereitos das mulleres. Segundo IM-Defensoras, desde a irrupción da pandemia medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización contra as mulleres defensoras de dereitos.
Ante este contexto de violencia e represión as ONGD galegas manteñen o compromiso de defender a quen defende tecendo unha rede global de apoio e denuncia da vulneración dos dereitos. O pasado 30 de marzo, no marco do Foro Generación Igualdad, organizacións e redes feministas e de defensoras de dereitos humanos de diferentes partes do mundo presentaron un conxunto de medidas urxentes dirixidas aos Estados, aos mecanismos internacionais de dereitos humanos e a doantes.