Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Uns pulmóns de madeira queimada lembran dende hoxe, en Chandebrito, o horror da vaga de incendios do 2017

A escultura realizada polo colectivo «Arte no queimado» co título 'Rexurdimento' está situada a carón do «Bosque da Memoria»

Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito e Asociación de Veciños ‘O Castro’ inauguraron hoxe sábado 4 de xaneiro dende as 11,30 horas ao carón do ‘Bosque da Memoria’ a peza realizada polo colectivo ‘Arte no Queimado’ con motivo do segundo aniversario dos incendios na parroquia e que leva por título ‘Rexurdimento’.

Baixo a dirección de Remigio Davila, os escultores Rosendo González e Juan Coruxo elaboraron a partir de cachos de madeira calcinados aportados pola veciñanza uns pulmóns de 3 metros de altura dos que brota unha árbore. Os artistas quixeron deste xeito expresar a gran catástrofe medioambiental que supuxo o lume pero tamén a oportunidade que brindou para construír un futuro en harmonía coa natureza. Unha placa cun texto reflexiona precisamente sobre estes aspectos.

[su_image_carousel source=”media: 10519,10516,10517,10518″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A escultura foi ubicada nun punto simétrico co Castro de Chandebrito, con vistas panorámica cara a ría de Vigo e ao carón do coñecido xa como ‘Bosque da Memoria’, onde precisamente figura unha escultura deste colectivo realizada con motivo do primeiro aniversario e que representa a un home cun caldeiro tratando de apagalo, símbolo da loita da veciñanza.

Foi un acto sinxelo que comezaba ás 11,30 horas e no que descubría un texto de Remigio Davila que fai referencia á traxedia de outubro de 2017 e unha placa ao pé da escultura. A seguir tiña lugar unha pequena camiñata dende este punto, ao Bosque da Memoria, ao Banco do Encontro e ás excavacións do Castro de Chandebrito o que crea un espazo cultural único.