Domingo, 9 Febreiro de 2025

O parking municipal da Ramallosa, en Nigrán, duplica o número de usuarios no seu segundo ano de funcionamento

Pasou dunha media ao día de preto de 300 vehículos a 600, desconxestionando con elo as rúas da Ramallosa. Suma un total de 275.341 estacionamentos de turismos desde a súa apertura no 2022

O Concello de Nigrán contabilizou preto de 275 341 estacionamentos de vehículos durante estes dous primeiros anos de reapertura do parking municipal e gratuíto da Ramallosa. Isto tradúcese en que a media de usuarios duplicouse ao pasar de preto de 300 vehículos diarios no 2022 a 600 no 2023. O consistorio asumíu o 5 de xaneiro de 2022 a súa xestión directa tras conseguir remunicipalizar esta infraestrutura que antes dirixía a concesionaria ‘Estacionamientos Valle Miñor, S.L.’, empresa liquidada e disolta no 2019.

“A xente xa o coñece e vai directamente a él porque resulta moi cómodo para vir á Ramallosa, afórrase moito tempo e é gratis, o primeiro ano moitos aínda creían que era de pago”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca esta aposta pola súa gratuidade “para apoiar o tecido comercial da zona”.

“O balance non poder ser mellor. O emprega moitísima xente de xeito asiduo e nótase en todas as rúas da contorna coa proliferación de prazas baleiras, todo elo en beneficio do pequeno comercio ao animarse máis clientes a vir a Ramallosa e dos veciños, ademais dos usuarios da piscina porque está ao seu carón”, explica sobre esta instalación pública da rúa Argonautas con apertura de 8:00 h a 22:00 horas de luns a sábado.

O aparcadoiro, ademais, estreará no vindeiro mes dous novos cargadores eléctricos semi-rápidos de 7,4 Kw tamén 100 % gratuítos que se sumarán aos outros dous xa existentes, polo que 4 prazas estarán reservadas exclusivamente para este tipo de turismos. A medida é un incentivo máis do Concello para potenciar os vehículos 0 emisións entre a veciñanza (compre destacar que Nigrán é o municipio de España con máis electroliñeiras públicas, sendo 4 delas situadas ao carón da Casa Consistorial municipais e gratuítas 100 %; ademais, estes vehículos ven bonificado o seu imposto de rodaxe). Por outra banda, esta instalación permitíu o acordo de 2023 con Rede Aberta para que levase a fibra todo aquel núcleo onde as teleoperadoras non chegan, xa que neste espazo se lles permitíu instalar un nodo de distribución a cambio de cubrir o 100 % do territorio.

O aparcadoiro súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán na rúa Vilameán, tamén 100 % público e gratuíto. “Somos conscientes do importante que son para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a re-apertura deste parking da Ramallosa de xeito 100 % público e gratuíto un dos grandes logros deste goberno”, resume González, quen menciona o Nigranbus como outro avance en mobilidade que beneficia directamente a este fin.