Sábado, 25 Xaneiro de 2025

O C.B. Nigrán segue apostando pola solidariedade nunha nova edición de «Encesta un alimento»

Un ano máis, o C.B. Nigrán envórcase con aqueles que aquelas que máis o precisan organizando unha nova edición do O torneo solidario ‘Encesta un alimento’. A iniciativa ten tanto de solidaria –que o é sen ningún tipo de dúbida– como de ferramenta para inculcar valores, sobre todo nos máis pequenos, como propia solidariedade, algo que no C.B. Nigrán traballan como ninguén, tanto a directiva como o corpo técnico e que son un exemplo a seguir.

A nova edición de ‘Encesta un alimento’ desenvolverase no pavillón municipal de Panxón os días 21 e 22 de decembro e conta coa colaboración do Concello de Nigrán, Federación Galega de Baloncesto, La Caixa e Frutas Nieves que xa ven colaborando en edicións anterioes achegando froita aos nenos e nenas participantes.

Da imortancia deste evento fala ás claras a participación: máis de 700 xogadores e xogadoras pertencentes a 65 equipos no que supón o torneo máis grande de todos cantos leva organizados o club nigranense.

Desde a categoría baby, ata a categoría junior, pasando polas categorías benjamín, alevín, infantil e cadete, desfilarán polo polideportivo municipal ao longo do sábado 21 e domingo 22 para disputar diferentes partidos e compartir unha xornada de deporte, convivencia e festa.

Os partidos serán arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto que participan de maneira voluntaria e desinteresada, do mesmo xeito que fixeron en todas as edicións anteriores. Ademais dos encontros deportivos realizarase aos longo dos dous días sorteos de diferentes agasallos entre todos os asistentes.

Serán, polo tanto, máis de 700 nenos e nenas que gozarán practicando o seu deporte favorito ao longo de dúas xornadas e que seguirán traballando no concepto solidariedade xa que cada xogador e xogadora achegará un alimento non perecedoiro algo que tamén poderá facer o público asistente e que, a bo seguro, fará.

No acto de clausura do torneo xogadores e xogadoras recibirán unha medalla que acreditará a súa participación no torneo, distincións que serán entregadas polo alcalde de Nigrán, Juan González e mailo concelleiro de Deportes. Ao mesmo tempo farase entrega da todalidade dos alimentos recollidos ao programa de alimentos de Nigrán co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas do municipio.

Unha vez máis, grazas ao C.B. Nigrán, baloncesto e solidariedade camiñan da man.