O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu hoxe en visita institucional ao Concello a Marta Fernández-Tapias, nova delegada da Xunta en Vigo. O rexedor aproveitou a ocasión para trasladarlle persoalmente todas aquelas cuestións do municipio que son de competencia autonómica e que urxe abordar, como é a reparación do emisario submariño da EDAR que verte auga depurada a menos de 200 metros de Praia América. Ao finalizar a reunión, González destacou o bo talante da delegada durante este primeiro encontro, confiando ao mesmo tempo en que as peticións realizadas sexan finalmente asumidas desde o organismo autonómico.

O Concello de Nigrán xa comunicara a avaría do emisario á Xunta a inicios de 2019 urxindo o seu arranxo e reclamando despois sen éxito que se consignase unha partida de 207.500 € nos Orzamentos Autonómicos. Esa petición de 2019 ía acompañada dun informe exhaustivo encargado desde o consistorio despois de recibir diversos avisos de mariñeiros alertando dunha gran burbulla de auga na zona. Así, mediante inmersión submariña (constan imaxes) corroborouse que existe unha avaría nunha peza que parece ser unha unión de ferro entre dous tramos do emisario submarino de polietileno de 400 mm. Este material correspóndese co tramo de emisario instalado no 2007 pola Xunta e por esa fenda parece que esta a saír a totalidade do caudal que circula pola condución. “Trátase de auga que a Xunta asegura que está correctamente depurada, pero non podemos expoñernos ás consecuencias en Praia América dunha posible avaría na EDAR. Debe ser unha cuestión prioritaria”, incide o alcalde. Precisamente, e tamén unido ao saneamento e abastecemento no municipio, o rexedor reclamou tamén a necesidade de que invistan en obras de mellora na ETAP de Condomínguez, principalmente nos forxados da cuberta e demais elementos estructurais porque, segundo consta nun informe técnico independente, “ya existen síntomas de desprendimientos, fisuración, corrosión y deterioro general, pues estos procesos de degradación no se estabilizan, sino que empeoran de manera exponencial con el tiempo una vez que han comenzado”. “Os veciños de Nigrán pagan en cada unha das facturas de abastecemento un cánon á Xunta, polo que corresponde que se devolvan os cartos en melloras nas infraestructuras do municipio para garantir o seu mellor servizo”, resume González.
Igualmente, o rexedor trasladou a necesidade de dotar de novas beirrarúas a PO-552 ao seu paso por Priegue e A Ramallosa, ao atoparse en moi mal estado tras máis de 30 anos de construción das mesmas e sen ser reparadas. “A realidade é que son totalmente inaccesibles, rotas, con tramos inexistentes e con elementos que entorpecen o paso de calquera cadeira de rodas ou cocheciño de bebé, desde a Xunta melloraron a seguridade viaria na zona pero non incluíron isto”. O alcalde recordou que, ante a inacción da Xunta en Otero Pedrayo, o Concello reclamou a titularidade da mesma para poder intervir. “Tócalle á Xunta demostrar algo de compromiso con Nigrán, non nos axudaron con Otero Pedrayo, que era da súa competencia, e agora tampouco poden ver para outro lado aquí. Os impostos municipais non poden financiar cousas que son da súa competencia, é unha discriminación para os veciños de Nigrán”.