Sábado, 18 Xaneiro de 2025

Nuria Gómez, nova presidenta do C.B. Nigrán

Gómez substitúe a Enrique Villar González que, despois de cinco anos, deixa o seu cargo de presidente e membro da xunta directiva do club

Nuria Gómez, actual Directora Deportiva do Club Baloncesto Nigrán é, dende esta pasada semana, a nova presidenta da entidade. Substitúe no cargo a Enrique Villar González que, despois de cinco anos, deixa a presidencia do club e o seu posto na Xunta Directiva. Villar foi un dos piares nos que, neste tempo, o C.B. Nigrán basou o seu crecemento e a xunta directiva lembra que “baixo a súa presidencia acadáronse importantes logros deportivos” amais de ser quen de “fortalecer de forma moi especial a faceta social da entidade”.

Comeza agora unha nova etapa na que Nuria González asume tanto a presidencia como a dirección deportiva. Capacidade e coñecemento non lle faltan para afrontar a nova etapa dun Club que, en tempo récord e a base de moito esforzo e sacrificio, pasou de estar a piques da desaparición a ser unha referencia no baloncesto da provincia.

A nova presidenta xunto ao resto da Directiva do club están xa traballando arreo na organización e planificación da nova tempada. Unha organización a todas luces complexa porque a xa habitual e nada doada de configuración de equipos nas diferentes categorías, organización de adestradores e captación de socios colaboradores, engádese a complicadísima xestión do protocolo hixiénico/sanitario que deberá estar activo no momento no que se inicien os adestramentos e para o que xa adquiriron todo o material de desinfección necesario.

A todas estas tarefas, engádese o programar e planificar unha pretempada que ten, neste ano, unha especial cognotación e dificultade: a de levar máis de dous mese (case que tres) parados, polo que haberá que voltar aos adestramentos dun xeito gradual e moi planificado.

Dentro da programación tamén se perfilan os primeiros trazos do xa habitual Torneo de Nadal ‘Encesta un Alimento’, que vai xa pola súa VII edición e que, a maiores de formar parte do calendario das vacacións de Nadal, forma parte inseparable da propia filosofía do Club: a solidariedade e a capacidade de axudar aos que máis o precisan.

Con todos estes ingredientes, todo está disposto para ‘cociñar’ unha tempada que promete ser apaixoante.