Xoves, 8 Maio de 2025

Nigrán remata a renovación da rúa do Ceán cunha marquesina de madeira para preservar a contorna

O Concello de Nigrán vén de completar a renovación da rúa do Cean, realizada o ano pasado, incluíndo unha marquesina de soporte de madeira na parada do autobús á altura do cemiterio, punto onde non existía e que por tal motivo demandaba a veciñanza.

Precisamente, o arranxo desta estrada encádrase dentro da política de mellorar a seguridade viaria e peonil dos espazos ruráis que vertebran o seu territorio. Ao situarse fronte ao Cemiterio Municipal e co fin de preservar e por en valor esta contorna, a marquesina elexida é tipo rústica (madeira) e foi feita por unha carpintería local (con este mesmo obxectivo, a nova pavimentación deste punto realizouse en adoquín en granito con 6 alcorques onde se plantaron cipreses e o cruceiro tamén foi posto en valor cun axardinamento do pé do mesmo).

As obras nesta rúa, cun orzamento de 132.000 € ao cargo do Plan Concellos 2018, incluíron a súa ampliación, construción de beiravías accesibles, aparcamentos en liña (dous deles para persoas con mobilidade reducida), reparación do firme, mellora da instalación de pluviais, renovación do saneamento ou nova luminaria LED. Contémplouse tamén a execución dun paso de peóns sobreelevado para a máxima seguridade dos peóns á altura do parque infantil (tamén renovado recentemente cunha pista multideportes).