O Concello de Nigrán iniciará desde este mesmo venres unha campaña para promover os pedidos a domicilio na hostalaría do municipio tralas novas restriccións anunciadas pola Xunta que implican o peche deste sector, permitíndose só os envíos. Desde o Concello repetirán o modelo de campaña municipal elaborada durante o confinamento estrito con motivo de Pascua ou Día da Nai ou para incentivar a compra no pequeno comercio.
Os negocios interesados en figurar nesta guía que se distribuirá desde este mesmo venres a través de redes sociais e cartelería deberán enviar antes de mañá xoves ás 23:00 horas un mail a [email protected] indicando os seus datos básicos (nome do negocio, especialidade e web ou teléfono para pedidos e custe). O Concello de Nigrán investiu en maio 4.000 € en licencias para que calquera tipo de negocio do municipio se puidese adherir gratuítamente á plataforma de comercio electrónico ‘Dbarrio’ adicada ao envío a domicilio (o Concello incluso subvenciona o transporte, de xeito que chega a resultar gratuíto dentro do horario establecido, o que o fai máis atractivo agora mesmo para a hostalaría).
“Isto é un golpe moi duro para os negocios de Nigrán, que por segunda vez nun ano afrontan o peche, por iso temos que ser conscientes da situación e apoialos facendo pedidos a domicilio. Cada un de nos ten a posibilidade de axudalos, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora”, incide o alcalde, Juan González.