Luns, 4 Novembro de 2024

Nigrán estrea este sábado unha feira para dar a coñecer aos seus artistas e emprendedores emerxentes

Dez profesionais de varias disciplinas participarán nesta actividade que organiza o Concello xunto a Teatro do Ar e a Cooperativa SomosTerra no Mes da Natureza

O Concello de Nigrán continúa a presumir da súa natureza e talento nun mes de marzo adicado case por completo ao seu patrimonio natural e inmaterial. Este sábado estreará a súa primeira Feira da Natureza no Auditorio Municipal para que dez emprendedores e artistas poidan mostrar a toda a veciñanza o seu traballo. Comezará ás 11.00 horas no Auditorio Municipal e, ademais dos postos, haberá unha charla de MycoGalicia Plantae, unha mesa redonda e obradoiros para pequenos e maiores.

Esta feira está organizada dentro do Mes da Natureza, un proxecto que idearon Teatro do Ar e a Cooperativa Somos Terra xunto ao Concello para imaxinar como será Nigrán no futuro e potenciar a difusión dos grandes segredos do municipio. Dende a organización explican que con esta nova actividade “queremos acercar aos nosos veciños e veciñas a uns artistas e emprendedores que soñan e traballan cada día para sacar a súa ilusión adiante”. Apuntáronse nun formulario aberto que se compartiu por redes sociais e a través da web e participar non ten ningún custo para eles e elas.

Os actos comezarán ás 11.00 horas e a feira está aberta ao público de maneira totalmente gratuíta. Ás 11.30 h será a charla de Mycogalicia sobre como afrontar o desenvolvemento dunha actividade innovadora nun mercado tradicional e, ao mesmo tempo, implicarse co medioambiente e o desenvolvemento rural, ás 12.40 haberá unha pequena mesa redonda para falar sobre emprender dende o Val Miñor e ao final os artistas e emprendedores que participen poderán facer obradoiros ou actuaciós entre o público.