Venres, 2 Maio de 2025

Nigrán dará a coñecer este domingo os vídeos que mellor simbolizan a súa natureza

Concello, Teatro do Ar e SomosTerra celebran a entrega de premios do certame “Ollo con Nigrán” no Auditorio Municipal ás 19.00 horas con máis de 1.000 euros en premios para gastar no comercio local

Nigrán lanzou este ano a segunda edición do premio ‘Ollo con Nigrán’, un concurso vídeo literario que quere potenciar a creación artística en lingua galega ao tempo que divulga a gran riqueza natural do municipio. E fíxoo con máis participación ca o ano pasado. Na presente edición presentáronse 29 vídeo creados por máis de 50 persoas de todas as idades. Os gañadores serán dados a coñecer o vindeiro domingo 24 ás 19.00 horas nunha gala no Auditorio Municipal.

O xurado, composto polo xornalista Julián González, a poeta e profesora de galego Ana Fernández, e a bióloga Josefa Fernández Rodríguez destacaron a “orixinalidade das propostas” e decidiron repartir 4 premios máis dos previstos. Todos os gañadores e gañadores recibirán vales que suman un valor de máis de 1.000 euros para gastar nos comercios locais que se apuntaron no formulario de inscrición que compartiu o Concello.

O certame consta de tres categorías: Estelas, para nenos e nenas de Nigrán nada no ano 2012 ou posteriores, Lourido, mozos e mozas de Nigrán nadas entre o ano 2006 e 2011 e Monteferro, para persoas nadas antes do ano 2006. Esta concurso forma parte da programación municipal do Mes da Natureza.

O alcalde, Juan González, destaca que con este certame queremos mostrarlle a todo o mundo “que temos unha natureza privilexiada que ten de todo dende as praias ata os miradoiros máis impresionantes”. Ademais tamén incide que “Ollo con Nigrán permite ver as miradas que os veciños e veciñas teñen do noso municipios, descubrir xoias ocultas e aprender en conxunto que a nosa natureza é unha gran riqueza”.