Sábado, 10 Maio de 2025

Nigrán crea un servizo de asistencia a veciñanza de risco e persoas sen medios para facilitar a compra de mediciñas e alimentos

O Concello de Nigrán pon desde hoxe en funcionamento un servizo de asistencia a persoas en especial risco ante o Covid-19, ou en soidade ou sen medios, co obxectivo de facilitarlles a compra de alimentos, menciñas e mesmo o préstamo de libros, revistas ou dvds da Biblioteca Municipal (instalación pechada, como todas as dependencias municipais).

“Ante esta situación de alarma e emerxencia desde o goberno de Nigrán queremos transmitir á veciñanza máis vulnerable que non está soa, que estamos aquí para acompañar e axudar a levar mellor estes días de confinamento necesario, non somos alleos ás complicacións engadidas que supón este estado de alarma para moita xente”, subliña o alcalde, Juan González. Así, o Concello facilita xa a liña telefónica oficial 986383930 (operativa de 9:00 a 14:00 horas) co obxectivo de xestionar a compra e entrega a domicilio de menciñas e alimentos.

Para requirir o préstamo a domicilio dalgunha publicación do catálogo da Biblioteca Municipal ou revistas, prensa… o teléfono de contacto é o da propia Biblioteca (986383979) de 10:00 a 12:00 horas (igualmente, o Concello anula ata novo aviso o prazo de devolución de préstamo de libros para aquelas persoas que actualmente teñen algún). En ambos casos (alimentos ou publicacións) o reparto a domicilio é para persoas en especial risco ante o Covid-19, ou en soidade ou sen medios.

O servizo, composto polos propios membros do goberno e algunha persoa voluntaria, irá convintemente identificado e facilitará de xeito persoal a entrega a domicilio seguindo estrictamente todos os protocolos de seguridade. “Entendemos que moitos veciños queren axudar, pero por responsabilidade ante esta situación pedimos que todo se canalice a través deste equipo oficial reducido a dez persoas e convenientemente identificado e controlado por todas as autoridades competentes, as boas intencións non son suficientes nestes casos, ten que haber un control exhaustivo da xente que presta o servizo”, indica o rexedor ante a proliferación de diferentes grupos de whatsapp na comarca.

“Paciencia, cariño e calma, é o que desexamos trasmitir á poboación nestes intres”, insiste. Igualmente, o goberno garante o servizo de reparto de alimentos a persoas en situación de vulnerabilidade económica así como o servizo de axuda a domicilio, tal e como se ven facendo durante todo o ano.

Paralelamente, e nesta liña de compromiso absoluto coa veciñanza, desde o goberno de Nigrán habilitouse unha partida orzamentaria de 10.000 € destinada a toda continxencia que poida xurdir relacionada coa pandemia. “En Nigrán vivimos unha situación crítica cos incendios de 2017 e queremos repetir os acertos desa xestión sendo previsores”, explica.

Funcionamento municipal

Seguindo instrucións do Goberno de España, a atención ao público presencial no consistorio queda suspendida en favor da atención telefónica na liña habitual 986365000 e nunha nova creada exprofeso 986 383 288 ou no mail [email protected]. En caso de cuestións urxentes, estas derivaranse ao departamento correspondente e se facilitará unha cita previa. Igualmente, e tamén para protexer aos traballadores e a propia veciñanza, o servizo municipal de Vías e Obras quedará reducido a reparacións imprescindibles e se opta polo teletraballo dos funcionarios en todos os postos que sexa posible, de feito, desde o Concello de Nigrán xa se adquiriron a semana pasada 12 novos ordenadores portátiles e os correspondentes routers.

Finalmente, tamén por recomendación do goberno de España, quedan suspendidas todas as sesións periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados municipais (xuntas, plenos, comisións…). Nesta misma liña, todas as actividades municipais culturais, deportivas e de envellecemento activo permanecen suspendidas desde a semana pasada e ata novo aviso, garantindo o Concello o desconto da contía proporcional mentras estas non se retomen.

Finalmente, aproveitando esta situación e o parón escolar, o Concello deu ordes a empresa concesionaria da limpeza para que efectúe unha desinfección profunda de todos os centros educativos.

“Vivimos nunha situación dinámica, moi cambiante, iremos informando día a día de novas medidas ou modificacións. Necesitamos a solidariedade e compromiso de todos para pasar este transo, todo vai a ir ben”, finaliza González.