Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán celebra mañá o ‘Día Internacional do Jazz’ estreando en redes o vídeo resumo do ‘NigranJazz 2019’

O Concello traballa para ofrecer unha nova edición este ano adaptada ás circunstancias que nese momento obrigue a lei e envorcada máis que nunca nos músicos galegos

O Concello de Nigrán sumarase virtualmente á celebración do ‘Día Internacional do Jazz’ mañá 30 de abril coa estrea en redes ás 19:45 horas do vídeo-resumo da celebración do Nigranjazz 2019 o 26 e 27 de xullo no esteiro de a Foz (canle @Nigranjazz, en Facebook, Instagram e Youtube). Este día serve para concienciar ao público en xeral sobre as virtudes do música jazz como ferramenta educativa e como motor para a paz, a unidade, o diálogo e o reforzo da cooperación entre pobos, usualmente se celebra con concertos e actividades educativas e, pese á situación sanitaria, este ano o Concello de Nigrán súmase na medida en que é posible.

O Concello de Nigrán traballa para ofrecer unha nova edición o 24 e 25 de xullo no esteiro de A Foz (A Ramallosa) adaptada ás circunstancias que nese momento obrigue a lei e, neste sentido, recorda que permanece aberto ata o 12 de maio o prazo para participar no concurso de carteis ‘Quin Alborés’, dotado con 500 euros, e que representará a imaxe da edición 2020 (bases na web do Concello www.nigran.es ).

“Obviamente 2020 será unha edición diferente marcada polas circunstancias sanitarias, pero non por elo queremos deixar de celebrar o festival, é unha das nosas señas de identidade. Traballamos para mantelo adaptado ao que nese intre obrigue a lei; as datas en principio se manteñen, pero somos flexibles en todo”, destaca o alcalde de Nigrán, Juan González. “Do que non cabe dúbida é de que será o momento de apostar máis que nunca polos músicos galegos, sempre o facemos, pero nesta ocasión será aínda máis notorio. Non podemos obviar que esta crise afecta en sobremaneira a este sector cultural, e debemos ser os primeiros en apoialos non cancelando e ofrecendo o noso espazo para eles”.