Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán adía a celebración do primeiro Certame Internacional de Corais de Galicia ‘Ars Canendi’ previsto para o 27 de xuño

O Concello pospón a unha futura data esta primeira edición do certamen ante as complicacións derivadas da crise sanitaria

O Concello de Nigrán apraza o ‘I Certame Internacional de Música Coral Ars Canendi: As voces do Camiño’ previsto para o 27 de xuño no Templo Votivo do Mar (Panxón) ante as complicacións derivadas da crise sanitaria do Covid-19, o que impide a súa celebración. O Concello comunicará proximamente as novas datas previstas.

Este certame que o Concello convocou en febreiro constitúe o primeiro concurso internacional de Galicia e o segundo de España (Tolosa). O obxectivo é congregar anualmente nesta cita ás mellores formacións do país e do estranxeiro, xa que precisamente o sur das Rías Baixas reúne o maior número de coros de toda Galicia e, ao mesmo tempo, nesta comarca teñen xurdido nos últimos anos importantes formacións distinguidas con premios nacionais e que xa sitúan á musica coral da comunidade como referente en España.