Concello de Nigrán e Instituto de Estudios Miñoranos ofrecen o mércores 23 de outubro, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a charla de Inma López sobre o seu libro ‘Memorias de Cidades sen Luz’, enmarcada na programación especial da ‘Volta das Nove’.
A novela, premio Blanco Amor 2007, premio á mellor obra de narrativa da AELG e XV Premio Arcebispo San Clemente, xira arredor de guerras e exilios. Librepensadoras que aman galeguistas, guerreiros polacos que queren ser Victor Hugo, nenos que converten en Troia a praia do Orzán. A Coruña dos anos trinta, o París aloucado e deprimido dos corenta e dos cincuenta, unha Barcelona de bombardeos e partidas de póquer, Buenos Aires e Nova York son as cidades polas que transita o protagonista deste relato en primeira persoa, desta porción de memoria que non sae nos libros de historia.