O Concello de Nigrán súmase por terceiro ano consecutivo, e nesta ocasión coa Asociación de Escolas de Surf de Patos, á novena xornada de limpeza simultánea de praias capitaneada pola asociación ecoloxista Adega. A actividade estaba programada, inicialmente, para o sábado 19 de outubro pero debido á choiva trasladouse a este. Así, a praia de Patos formará parte este sábado dende as 11:00 horas da vintena de areáis de toda Galicia no que se intervirá.
Tódalas persoas que desexen participar como voluntarias deben inscribirse no mail [email protected] aportando nome e teléfono de contacto ou directamente na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9 h a 14 horas (986 365 000). A duración estimada é de dúas horas e comezará ás 11 h (punto de encontro local de Prado Surf en Patos ás 10:45 h) .
As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.
Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.
O Concello de Nigrán, como xa ven facendo co ‘Proxecto Ríos’ de Adega, quere concienciar tamén sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática da contaminación mariña e das algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos.