Sábado, 3 Maio de 2025

Cinco recoñecidas investigadoras vinculadas a Nigrán poñerán en valor o papel da muller nas ciencias

A aposta de Nigrán tanto pola igualdade como pola ciencia é indubidable. Así que, dende esa perspectiva, non ía tardar moito o Concello en unir as dúas cousas e organizar unha actividade que servira para poñer en valor o papel da muller na investigación científica. Aproveitando o marco da celebración do ‘Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia’ (11 de febreiro), o Concello de Nigrán desenvolverá unha programación especial que, amais dun recoñecemento ao traballo das científicas, é tamén un xeito de promover no alumnado feminino a dedicación profesional a este coñecemento.

A programación, a desenvolver do 10 ao 14 de febreiro, chegará a todos os centros educativos públicos e constará dunha xornada final aberta á participación o venres día 14. Esta última cita será tamén a ocasión na que o Concello de Nigrán recoñeza públicamente a traxectoria de cinco das súas veciñas máis respectadas no eido científico e grazas ás cales se pode levar a cabo a programación: Elena Ojea (directora do grupo de investigación Future Ocean Labs da Universidad de Vigo), Aurkene Belasco (investigadora na Ecimat), África González (catedrática de inmunoloxía na Universidad de Vigo), Luísa Martínez (responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC) e Silvia Torres (Unidad de Tecnoloxías Mariñas da Fundación Cetmar).

Estas cinco investigadoras vinculadas a Nigrán –por nacemento ou residencia–, protagonizarán o día 14 de febreiro desde as 19:30 horas no Auditorio Municipal a xornada de participación e convivencia ‘Namórate da Ciencia’. Este día, cada unha delas contará con cadanseu pequeno laboratorio para amosar ás e aos asistentes o seu traballo dun xeito eminentemente práctico (por exemplo, elaboración de vacinas no caso de África González). Ademais, estarán dispoñibles para responder todas as preguntas que se lles formule durante a sesión. Neste ambiente desenfadado e dirixido a todos os públicos, servirase rosca e chocolate (co obxectivo de reducir residuos recoméndase traer un vaso da casa).

A programación do Concello non remata aquí, paralelamente, desde o luns 10 ao venres 14, as científicas se repartirán para acudir en horario escolar a todos os centros educativos públicos do municipio a ofrecer unha charla na que analizarán o seu traballo desde unha perspectiva de xénero. Luísa Martínez estará o luns 10 na Escola Infantil ‘As Dunas’; o xoves 13, Elena Ojea asistirá ao CEIP Mallón; Silvia Torres ao CEIP Humberto Juanes; Aurkene Belasco e Luisa Martínez ao CEE Panxón, CPI Arquitecto Palacios e CEIP Carlos Casares; e, finalmente, o venres 14, África González acudirá ao IES Proval e IES Val Miñor e Elena Ojea ao CEIP A Cruz (Camos).

“É unha honra para o Concello de Nigrán ofrecer unha programación especial na que as protagonistas son científicas de Nigrán recoñecidas internacionalmente. Estamos moi agradecidas de que nos regalen o seu tempo para achegar o seu exemplo a todo o alumnado de Nigrán e ao resto da veciñanza”, sinala Marina Vidal, edil de Educación. “Neste ‘Nigrán para todos’ que estamos a construír queremos romper todas as barreiras que nos separan e, por suposto, incluímos a fenda de xénero, como é o caso”, engade o alcalde, Juan González.

Elena Ojea

Directora do grupo de investigación Future Ocean Labs da Universidade de Vigo

Curriculum

Aukerne Belasco

Investigadora na Ecimat

Curriculum

África González

Catedrática de Inmunoloxía na Universidade de Vigo

Curriculum

Luisa Martínez

Responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC

Curriculum

Silvia Torres

Unidade de Tecnoloxías Mariñas da Fundación Cetmar

Curriculum