Un ano máis, e tristemente non será o último, o Club Baloncesto Nigrán quere render a súa especial homenaxe ás vítimas da violencia machista con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Non quere, o club nigranés, que se esquezan os nomes daquelas que foron vítimas da maior das lacras sociais.
Lanzan, como xa é habitual, un novo vídeo no que colaboraron personalidades destacadas de diferentes ámbitos como a atleta olímpica Ana Peleteiro, o campión do mundo de surf adaptado Aitor Francesena “Gallo”, os actores Sergio Pazos e Alfonso Agra, as actrices Uxía Blanco e Nerea Barros, a alpinista Chus Lago ou a escritora Fina Casalderrey. Xunto a eles e a elas, os claustros dos centros educativos de Nigrán súmanse a esta iniciativa ademais dos propios xogadores e xogadoras do club.
[su_image_carousel source=”media: 49249,49251,49250,49252″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Todos eles aparecen no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón tinguido de loito por cada muller, neno e nena asasinados neste 2021, xuntos súman a terrorífica cifra de 46 balóns que, ao final do vídeo, compoñen un gran lazo na pista do pavillón co que o club deportivo nigraniense quere honrar a memoria das vítimas e mostrar a súa repulsa cara á violencia de xénero.
Esta iniciativa forma parte do traballo social que realizan desde o club, onde consideran un aspecto fundamental traballar valores a través do deporte.
Nuria Gómez, presidenta do Club quixo dar as grazas “a todas as persoas que participaron nesta iniciativa pola súa entrega, porque sabemos que para erradicar esta secuela social a educación é fundamental. Tod@ s participamos sentindo que estamos a contribuír na loita contra a violencia machista”.