Sábado, 10 Maio de 2025

“Running polo Camiño” chega este sábado a Baiona

“Running polo Camiño” trátase dunha suroenta comedia que fará parada o vindeiro 12 de setembro ás 20:00 horas no Auditorio V Centenario do Concello de Baiona. #ACULTURASEGUE é un proxecto cultural promovido pola Rede de Dinamización Lingüística, o Xacobeo 2021, Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia dentro do plan Fondo X21 e do Concello de Baiona.

Esta comedia trata de Xulia e Román. Acaban de coñecerse e o primeiro Whatsapp non tarda en chegar: “Quedamos? Veña si! Pero cando?”

Fillas e fillos de parellas anteriores. Nais divorciadas. Avós na residencia. Adolescentes co pavo. O pequeno coa crise dos 8. Os grandes coa dos 40, coa dos 50, coa dos 60. Clases de ioga para liberar o estrés, patinaxe artístico os luns, danza jazz os martes. E ser taxista. Das fillas, dos fillos, das fillas dos demais, do pai, da nai, da avoa, dos primos. E os deberes. Os deberes da escola e o resto de deberes. Deberes e obrigas. Coidar de todo e de todos menos dun mesmo. Como facer que as axendas cadren? E por outra banda: de verdade quero comezar algo novo que poida supoñer máis deberes e menos pensar nun mesmo?

Romeo e Xulieta tiñan as familias na contra dun amor prohibido. Xulia e Román aínda non saben se tanto se queren, pois as súas familias, as súas vidas, e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.
En escena, unha actriz e un actor que terán que suar a camiseta para meterse na pel de todas as personaxes desta vertixinosa comedia.

Neste exercicio teatral, os dous actores asumen o reto de interpretar, ademais dos dous protagonistas desta comedia, a todos os personaxes das familias dos dous e da súa contorna, con algunhas aparicións tamén de personaxes televisivos e entrevistadores para retratar o noso mundo saturado de información televisiva e cibernética. Nun total de vinte personaxes entre os dous.

Como veredes trátase dunha vertixinosa peza cómica da productora De Ste Xeito con mensaxe final… parodia da nosa ocupadisídima vida actual coas súas eternas présas, ese maratón de teléfonos, móbiles, obrigacións familiares, persoais e laborais… que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor, e en última instancia a relación cun mesmo.