Luns, 19 Maio de 2025

O Concello de Baiona iza a bandeira azul en cinco das súas praias

A Praia da Ribeira acolleu o acto simbólico de izado das Bandeiras Azuis das praias do municipio. Os enclaves de Barbeira, Concheira, Frades, Ribeira e Santa Marta revalidaron o pasado mes de maio estes selos de excelencia pola calidade do litoral e das augas da costas baionesa.

O acto estivo presidido polo alcalde de Baiona, #Jesús Vázquez Almuíña; pola concelleira de Medio Ambiente, Ruth Álvarez González; a Concelleira de Deportes, Ana María Iglesias Rodríguez; o Concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas,  Joaquín López Goce; o Presidente da  Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña, por representantes de varias asociacións da Vila e por unha representación de Protección Civil do Val Miñor.

O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, comentou que  “con este acto, poñemos en valor o traballo realizado por todos  e todas os que fan posible manter a excelencia do litoral, os servizos e a calidade ambiental, e aos usuarios e usuarias que manteñen a limpeza do principal reclamo turístico do municipio”.

“A Bandeira Azul creouse como recoñecemento a todo o que cumprise cun programa de educación ambiental, como galardón a todos os que se implicarán en coidar e protexer o noso medio mariño e o Concello de Baiona seguir o exemplo de ADEAC de traballar en colaboración para coidar a nosa costa e  namorar coas nosas praias”, remarcou Vázquez Almuíña.

Así mesmo, agradeceu “o esforzo dos traballadores e traballadoras  que fan posible ano tras ano demostrar a calidade das praias de Baiona e que manifestan a importancia de coidar a contorna natural do municipio, co obxectivo de deixar un lugar mellor no que vivan as próximas xeracións e, á vez, concienciar a estas para que sigan estes pasos”.

As Bandeiras Azuis son un galardón desenvolvido pola Federación de Educación Ambiental (FEE) e coordinado en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).