O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un novo roteiro musical ‘Sons do Casco’ co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá lugar o 10, 11 e 12 de setembro leva consigo unha fin de semana repleta de música en directo na que participarán un total de 12 grupos musicais con diferentes estilos como o jazz, blues, funk, flamenco, DJ, rock, pop, etc. que buscarán encher de música a Vila.
As actuacións celebraranse en tres escenarios distintos situados na Praza do Concello, a Praza de Santa Liberata e na Avenida Carabela Pinta. Uns escenarios alternativos aos de anteriores edicións debido ás medidas de seguridade que hai que seguir pola crise sanitaria do COVID-19.
“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que nos se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses. Con esta atractiva programación queremos seguir atraendo, sempre de maneira segura, xente a Baiona e ofrecerlle á cuidadanía local unha alternativa de lecer distinta. O roteiro musical Sons de Casco vén poñer a guinda á axenda cultural Baiverán, unha completa programación que ofreceu todo tipo de espectáculos para todos os públicos ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Unha opción de lecer gratuíta para o goce os veciños e veciñas do municipio e para aquelas persoas que se acheguen á localidade”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.
Tanto o alcalde, Carlos Gómez, como a concelleira de Cultura, Miriam Costas, fan un chamamento á participación no evento. Tamén aproveitan a ocasión para “mandar un mesaje de tranquilidade á veciñanza e aos visitantes” para que se acheguen esta fin de semana e gozar dos espectáculos que estarán dotados de todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias. “O obxectivo é combinar o lecer coa redución ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia. Baiona é seguro pero sempre apelamos á responsabilidade individual”, conclúe o alcalde.