Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Baiona anima a decorar os escaparates en Nadal

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un Certame de Decoración de Nadal para os establecementos da vila.

A temática do concurso estará vinculada á decoración de Nadal durante os meses de decembro e xaneiro o que contribuirá a crear un ambiente festivo propio destas datas de Nadal. Dende o Concello de Baiona premiarase aos negocios que, con motivo da Campaña do Nadal 2022-2023,mellor engalanen as fachadas, escaparates e o interior dos seus establecementos comerciais.

Haberá tres categorías de premios a repartir entre os establecementos participantes: 1º Premio de 500€, 2º Premio de 300 € y un 3º Premio de 200 €.

Poderán participar neste concurso todos os establecementos de Baiona (comercio polo miúdo, restauración, hostalería, etc. ) que o soliciten formalmente dentro do prazo establecido nas bases.

A inscrición para participar, xa se pode realizar na Oficina de Rexistro do Concello ata o 9 de decembro, inclusive, en horario de 9:00 a 14:00 horas ou a través da sede electrónica (www.baiona.gal) . As bases e a súa convocatoria publicaranse no Taboleiro de Anuncios, na páxina web do Concello de Baiona (https://www.baiona.gal/avisos-importantes/o-concello-de-baiona-anima-a-decorar-os-escaparates-en-nadal/), no BOPPO e na BDNS.

“O obxecto deste concurso é promover e incentivar a creatividade comercial de Baiona á hora de decorar os establecementos comerciais e hostaleiros da Vila, para facelos máis atractivos ao consumidor/a,reforzando a imaxe dos mesmos e dinamizando o comercio no municipio de Baiona. Por elo, desde o Concello queremos animar e agradecer aos establecementos a participación neste concurso conseguindo na vila unha ambientación máis idónea para estas datas” sinala o alcalde, Carlos Gómez Prado.