Domingo, 4 Maio de 2025

O campión de España de J80, Javier Aguado, coloca ao «Alboroto» na cabeza da «Liga de Inverno»

O veleiro armado por Juan Carlos Ameneiro e liderado polo campión de España Javier Augado elevouse todo o máis alto da clasificación da competición tras a celebración das primeiras probas hoxe en Baiona

O Alboroto converteuse na tarde do sábado, en Baiona, no primeiro líder da liga de Inverno J80 tras impoñerse ao resto de veleiros na xornada inaugural da competición que organiza o Monte Real Club de Iates. O veleiro armado por Juan Carlos Ameneiro e patroneado polo campión de España Javier Augado, logrou elevarse todo o máis alto da clasificación tras asinar un segundo e un primeiro posto nas dúas probas celebradas na baía.

A competición non puido empezar puntual por mor dun vento frouxo que non axudou na preparación do campo de regatas, pero unha vez asentado en intensidade e dirección, e colocadas as boias para os percorridos barlovento sotavento, a frota puido navegar cuns cinco nós de media.

[su_slider source=”media: 11199,11197,11196,11195,11194″ link=”lightbox” height=”400″ centered=”no” autoplay=”8000″ speed=”800″]

Clicar na galería para ampliala

Completáronse dúas mangas de dobre volta entre boias, o que supuxo catro tramos con dúas cinguidas e dúas popas, en dous percorridos que o comité de regatas se vió obrigado a acurtar para que a frota puidese completar as probas en tempo.

A primeira proba foi para o Alboroto patroneado por Javier Augado e o Okofen de Javier de la Gándara quedou segundo. E na segunda proba investíronse os resultados. Alboroto e Okofen foron, sen dúbida, os protagonistas dunha xornada que finalizaron empatados a 3 puntos en primeira e segunda posición respectivamente.

A tripulación do Pazo de Cea, patroneada por María Campos, completa o podio provisional con 10 puntos, seguida moi de preto polo Cansino de Fernando Yáñez, con 11 puntos, e o Maija de José Luis Pérez con 13.

Na xornada inaugural da liguiña de monotipos do Monte Real empezaron a aplicarse xa os xuízos directos na auga, que é unha das novidades desta edición. Por sorte, todas as regatas disputáronse sen incidencias de relevancia.

A liga de Inverno J80 volverá a Baiona o 8 de febreiro coa segunda xornada do total de cinco etapas programadas, que se prolongarán ata o próximo mes de abril.

Liga de Inverno J80 · Top 5

  1. Alboroto · Javier Aguado · 3 Puntos
  2. Okofen · Javier De La Gándara · 3 Puntos
  3. Pazo De Cea · María Campos · 10 Puntos
  4. Cansino · Fernando Yáñez · 11 Puntos
  5. Maija · José Luis Pérez · 13 Puntos