O Goberno de Baiona que preside Carlos Gómez, leva ao Pleno deste vindeiro venres a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do aparcadoiro do Aral, un documento que, entre outras novidades, inclúe unha rebaixa das taxas para os seus aboados e aboadas nun 40 %.
Con esta medida, sinala o alcalde de Baiona, búscase “favorecer a mobilidade dos veciños e veciñas que non dispoñan de garaxe nas súas vivendas e que poidan, desta forma, dispoñer dun estacionamento amplo e moderno a un prezo moi razoable”.
Doutra banda, e dentro do proxecto de modernización do paking que desenvolverá o Concello de Baiona, unha vez que remate o período estival abrirase o proceso de licitación para a renovación da maquinaria, de cara a optimizar o seu funcionamento. Un proxecto que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.
Finalmente e de cara a facilitar a utilización deste aparcadoiro nestas datas de verán, dende o venres 18 de xullo, o parking do Aral abrirá as súas portas durante as 24 horas, o que engade maiores vantaxes para as e os usuarios á hora de usar este servizo.
Tanto a ordenanza reguladora do aparcadoiro do Aral, como os diferentes traballos de mellora das instalacións, forman parte das medidas que o Concello de Baiona desenvolve “en todos aqueles eidos que afecten directamente ao día a día da veciñanza e que poidan contribuír a mellorar a súa calidade de vida”.