Sábado, 3 Maio de 2025

Baiona ofrece un monólogo o vindeiro 24 de febreiro

O vindeiro venres, 24 de febreiro, o Auditorio Municipal V Centenario de Baiona acollerá ás 19:30 horas o monólogo “Non solo duelen los golpes”, da activista feminista Pamela Palenciano. Esta actividade, organizada pola Concellería de Igualdade, enmárcase dentro da programación da Primavera Lila, a programación deseñada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.

O monólogo está recomendado para maiores de 14 anos e a entrada será gratuíta ata completar aforo. Pamela Palenciano naceu en Andújar, Xaén, e é monologuista, comunicadora e activista feminista, recoñecida internacionalmente polo monólogo teatral “No solo duelen los golpes”, no que relata de maneira autobiográfica a súa historia sobre a violencia de xénero utilizando o humor e a ironía.

Neste monólogo teatral, Pamela Palenciano propón, desde unha experiencia de parella na cal viviu malos tratos, abuso e submisión no poder e a violencia da masculinidade tóxica, unha mirada ao tipo de relacións que mantemos no marco da sociedade patriarcal e como as construímos e sufrimos.

A semente foi o mal trato ao que a someteu a súa parella da adolescencia, trauma que ela sublimou en forma deste monólogo teatral. Con esa peza percorreu centos de institutos e auditorios públicos e virou por Latinoamérica. Enfrontouse a denuncias e cancelacións. En 2017, demandárona por primeira vez sen que a querela fose admitida a trámite, pero a Asociación de Homes Maltratados acusouna de “trato degradante”. Tamén a Asemblea de Madrid vetou unha actuación súa, que acabou representando na porta.

“O teatro é unha boa forma para loitar contra a violencia machista, sensibilizar e previr á poboación sobre os diferentes tipos de violencias, non soamente a que se ve, a dos golpes, senón tamén a psicolóxica ou a económica” apunta a Concelleira de igualdade, Yasmina Moreira Costas.

Esta peza teatral considérase unha medida clave e de gran utilidade para que  a  sociedade coñeza e entenda as diferentes tipoloxías de violencias machistas que existen, ao mesmo tempo que recoñecen as violencias máis sutís que se reproducen a diario na nosa sociedade e en todos os ámbitos.

“No solo duelen los golpes” é un monólogo autobiográfico que conecta progresivamente coa historia universal das violencias machistas e subliña a construción dos estereotipos que xeran a desigualdade e lexitiman a violencia.

A actividade está financiada pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos Línea 2.